A CIG denuncia á Seguridade Social ante a Axencia de Protección de Datos por vulnerar a intimidade de milleiros de mulleres
A CIG vén de presentar denuncia contra a Seguridade Social, diante da Axencia de Protección de Datos e diante dos organismos de representación do INSS, por vulneración da normativa de protección de datos das mulleres. Segundo explicaron en rolda de prensa Nicolasa Castro, Secretaria das Mulleres da CIG, e Susana Méndez, Secretaria Confederal de Organización, a propia Seguridade Social informa ás empresas das causas de baixa das mulleres cando se producen por menstruacións incapacitantes, interrupción -voluntaria, ou non- do embarazo e embarazos a término.
A CIG tivo coñecemento desta circunstancia a través dunha muller afectada, afiliada da central sindical, que descubriu que tanto na súa empresa, como na xestoría coa que traballa tiñan coñecemento de que viña de pasar por un aborto. Unha situación que Nicolasa Castro sinalou como xa de por si “dolorosa e estigmatizadora” e que deixou a esta traballadora, ademais, “sorprendida, indignada e machacada”.
Esta vulneración da normativa de protección de datos e do dereito á intimidade da traballadora se produce tras das modificacións introducidas pola Lei Orgánica 1/2023 no relativo a saúde sexual e reprodutiva e interrupción voluntaria do embarazo. Modificacións que para a secretaria das Mulleres da CIG supuxeron un avance importante, aínda que “insuficiente”, para as mulleres traballadoras e que permitiron recoñecer novos dereitos, entre eles, o estabelecemento de situacións especiais de incapacidade temporal en caso de menstruacións incapacitantes; interrupción, voluntaria ou non, do embarazo e embarazos a término.
Castro manifestou, porén, o “abraio” e “indignación” da central sindical ao saber a xestión que se fai destes procesos, derivada dunha instrución da Seguridade Social, que implica que as mulleres que pasan por eses procesos de IT ven expostos diante das empresas, xestorías e mutuas os motivos desas baixas, “quedando o seu dereito á intimidade e á privacidade totalmente eliminados na práctica”.
Descoñecemento absoluto
Nicolasa Castro considerou máis grave aínda que moitas mulleres que están a pasar por estas “situacións especiais” de IT a día de hoxe “non saben que na súa empresa teñen coñecemento desas situacións e do diagnóstico que as provoca”, porque se fai todo a través dun sistema interno de notificacións que as traballadoras non coñecen e ao que non poden acceder.
Explicou que o INSS emitiu en maio de 2023 unha instrución con respecto ao sistema FIE, de comunicación de continxencias ás empresas, nas que se recollían estas novas situacións especiais, cada unha delas codificada cun código: 01. para as IT por menstruacións incapacitantes; 02. para as interrupcións do embarazo, xa sexan voluntarias ou non; 03. para as xestacións a partir da semana 39 do embarazo e 04. para as situacións de COVID que non sexan consideradas accidente de traballo.
E que tamén se emitiu por parte da Tesoureria da Seguridade Social un boletín de Noticias RED, onde se recolle unha información sobre o cambio no Ficheiro FIE que di, textualmente que “estas situaciones especiales se podrán identificar por los valores 01. 02 y 03”
A partir desa instrución, cada vez que unha muller traballadora pasa por un deses procesos, á súa empresa chega un parte da Seguridade Social a través do ficheiro FIE que especifica o código correspondente á “situación especial” o que significa que na empresa desa traballadora, na xestoría que lle realice os trámites e tamén na mutua correspondente, teñen coñecemento do motivo da Incapacidade Temporal.
Fronte a isto, Castro sinalou que “se tes unha gripe, rompes unha perna, ou algún problema dixestivo, está garantido que non pode ser recollido no parte de IT e non pode ser coñecido pola túa empresa”. Porén, explicou, “se es muller e estás no final do teu embarazo, tes menstruacións incapacitantes, ou pasas por un proceso de interrupción do embarazo, sexa voluntaria ou non, a túa empresa vai saber que ese é o motivo da túa baixa, que eses son os motivos polos que te ausentas do traballo”.
Considerou que isto é “inadmisíbel, gravísimo e atenta contra todos os dereitos humanos”, en concreto, “contra os dereitos das mulleres” e que “non se pode consentir”. Por iso lamentou que, “cando por fin se recoñece algún dereito ás mulleres, vulnérase outro por outro lado, non vaia ser que as mulleres teñan dereitos de máis”.
Denuncia na Axencia de Protección de Datos
Por iso a CIG vén de presentar denuncia ante a Axencia Española de Protección de Datos e nos organismos de representación do INSS exixindo que se modifique esta situación e deixe de expoñerse deste xeito ás mulleres.
A este respecto, a secretaria de Organización, Susana Méndez, afirmou que se trata dunha “gravísima vulneración do dereito á intimidade revelando datos sensíbeis de saúde” que considerou “dobremente grave e absolutamente intolerábel” cando quen o fai é unha Administración Pública.
Méndez considerou que a esta altura poden ser miles as mulleres afectadas por esta vulneración de dereitos desde o mes de xuño, exixiu “que remate esta barbaridade, que se modifique esa instrución e o xeito de comunicar ás empresas estas situacións” e animou a todas as mulleres que viron exposta a súa situación a que fagan reclamacións patrimoniais ao Estado polo dano causado.