A CIG denuncia a Repsol por vulneración do dereito fundamental á folga do persoal de Navec
A CIG presentou denuncia diante da Inspección de Traballo contra Repsol por vulnerar o dereito fundamental á folga dos traballadores e traballadoras da súa auxiliar, Navec Servicios Industriales. O pasado xoves, o persoal desta contrata realizou unha xornada de folga para reclamar o cobro dos seus salarios e garantías de continuidade dos empregos tras a entrada en concurso de acredores e a comunicación dun ERE por parte do administrador.
A folga rexistrou un seguimento do 100%, polo que as tarefas de mantemento industrial que Navec desenvolve dentro da refinería da Coruña non se puideron facer. "Pero a nosa sorpresa chegou cando tivemos coñecemento de que Repsol lle ordenara a outra das súa contratas realizar os traballos que son propios do contrato con Navec, nunha evidente práctica de esquirolaxe", denuncia Armando Carril, da Executiva da CIG-Industria.
Critica que Repsol, en vez de asumir as súas responsabilidade como empresa contratista e velar polo respecto dos dereitos laborais dentro das súas instalacións, "se dedique a vulnerar o dereito fundamental á folga dos traballadores e traballadoras de Navec". A este respecto reclámalle a petroleira que actúe con dilixencia sacando a concurso o servizo de mantemento "para así poder facer efectivo o dereito á subrogación, rematar coa incerteza de non saber se cobrarán e cando, e evitar que teñan que ir ao desemprego".
Para reclamar solucións urxentes e cobrar polo traballo feito, os traballadores e as traballadoras continuaron este martes co calendario de folgas e mobilizacións. Esta xornada de paro tamén rexistrou un seguimento total e, ao igual que a pasada semana, o persoal saíu en manifestación dende o acceso principal da refinería até a rotonda de Meicende, contando co apoio dos compañeiros e compañeiras doutras auxiliares.
A folga terá continuidade nos vindeiros días e, de non achegarse solucións, a CIG non descarta convocar unha xornada de loita en todas as contratas da refinería, xa que estas veñen acusando día a día as consecuencias da actual práctica economicista de Repsol de aceptar ofertas á baixa nos seus contratos, o cal provoca situacións problemáticas e de precariedade no sector.