
A CIG denuncia a represión contra membros da Marcha Global a Gaza e pide a liberación inmediata das detidas e secuestradas

A Confederación Intersindical Galega (CIG) denuncia as medidas represivas que o goberno de Exipto está levando a cabo contra as persoas integrantes da Marcha Global a Gaza, unha campaña mundial que busca non só denunciar as ilegalidades e o xenocidio que está levando a cabo o goberno sionista, senón tamén fortalecer o dereito humanitario ao que o pobo palestino debe ter acceso con urxencia, e que Israel está impedindo.
Estes feitos xa foron denunciados polos compañeiros que forman parte da Marcha, Xoán López e Ignacio Martínez. A pesares de ter negociado e coordenado previamente coas autoridades exipcias os aspectos organizativos da marcha, o certo é que, desde o comezo, non houbo máis que obstáculos para o cumprimento dos seus obxectivos, con deportacións, retirada de pasaportes, detencións ilegais e secuestros.
Onte mesmo, segundo informan da coordinadora da Marcha Global, mentres se atopaban nunha cafetería do Cairo, persoas integrantes da delegación foron vendadas, esposadas, interrogadas e brutalmente golpeadas, e cinco foron secuestradas pola policía secreta. Entre eles, o compañeiro da Rede Sindical Europea pola Xustiza para Palestina (ETUN), Saif Abukeshek, de Catalunya, e de orixe palestina, que sufriu malos tratos e do que aínda se descoñece o seu paradoiro.
A CIG, na mesma liña que ETUN, está apoiando a Marcha Global a Gaza desde o comezo e por iso pide a inmediata liberación de Saif e de todas as persoas activistas humanitarias secuestradas e detidas da Marcha Global a Gaza.
Israel viola a convención sobre o xenocidio
As accións de Israel dirixidas contra a poboación palestina en Gaza violan a Convención sobre o Xenocidio, e así o veñen sancionando varios mecanismos independentes da ONU, como a Comisión de Investigación das Nacións Unidas, expertos/as da ONU, importantes organizacións de dereitos humanos, como Amnistía Internacional, e destacadas persoas do mundo académico, incluíndo estudias sobre o Holocausto e o xenocidio.
A Corte de Xustiza Internacional ditaminou en xaneiro de 2024 que os ataques de Israel en Gaza constitúen un xenocidio plausíbel. Durante máis de tres meses, Israel impuxo un bloqueo total e ilegal ao subministro de alimentos, combustíbel e medicamentos a Gaza, privando deliberadamente á súa poboación en flagrante violación das medidas provisionais da CIX, en violación do dereito internacional humanitario e a Convención sobre o Xenocidio.
Este sometemento á fame deliberada, utilizada como arma de guerra, está calculada para provocar a destrución física do pobo palestino en Gaza.
Detencións arbitrarias e perseución da resposta global
A CIG denuncia tamén a campaña internacional que se está a levar a cabo contra calquera tipo de mobilizacións e activismo na defensa do pobo palestino. Hai poucos días, coñecíase a detención arbitraria en Amán (Xordania) do compañeiro Issam Khawaja, prestixioso médico pediatra, formado en Cuba, cuxo único delito foi o seu compromiso político e a defensa do pobo palestino. A día de hoxe aínda non hai noticias sobre a súa situación.
Estes feitos, sumados ás múltiples imaxes que vemos a diario sobre os métodos represivos que se aplican contra as mostras de solidariedade con Palestina, deixan ben ás claras que os países occidentais non só son cómplices deste xenocidio, ben co seu silencioo, ben coa súa colaboración, senón que están a criminalizar calquera tipo de manifestación das súas xentes en favor de Palestina.
Solidariedade galega co pobo palestino
Galiza, así como se fixo no día de onte e como se vén facendo dende hai meses en todas as cidades e numerosas vilas, proseguirán as mobilizacións periódicas para reclamar o cesamento inmediato deste xenocidio, o boicot a Israel e trasladar o apoio ao lexítimo dereito do pobo palestino a vivir nun país libre, dende o Río até o Mar.