A CIG denuncia a pretensión de modificar o EBEP no Congreso sen negociación sindical previa

Os cambios afectan directamente á regulación da xubilación parcial de todo o funcionariado
Nacional - 10 Mar 2025

A Área Pública da CIG vén de denunciar a pretensión de modificar o Estatuto Básico do Persoal Empregado Público (EBEP), sen negociación sindical previa. Os cambios, presentados polo PSOE como emendas á Lei de Función Pública da Administración Xeral do Estado, afectan directamente á regulación da xubilación parcial de todo o funcionariado.

No Congreso dos deputados está neste momento a debate a Lei de Función Pública da Administración Xeral do Estado (AXE), unha normativa que unicamente é de aplicación  para o funcionariado que depende da administración central.

O PSOE introduciu un elevado número de emendas ao texto inicial (propostas que non puideron ser negociadas previamente coas organizacións sindicais) e sorprendentemente varias de esas emendas afectan a outra norma superior  (o EBEP) que é de aplicación a todo o funcionariado de todas as administracións públicas e que debería ser negociado no seo da Mesa Xeral das Administracións Públicas.

Deste xeito fúrtase a negociación á lexítima representación de todo o persoal dos diferentes servizos públicos. Esta situación é, para a CIG, especialmente grave por canto entre os cambios propostos está unha aplicación da xubilación parcial, para todo o funcionariado, que nin recupera a xubilación anticipada existente até xaneiro de 2011 para o réxime de Clases Pasivas, nin atende as demandas de recuperar a xubilación parcial eliminada polo goberno Rajoy e que contaba cunhas condicións moito mellores que a proposta do actual goberno, ao pechar a porta á demanda de moitos colectivos para poder acceder á xubilación completa aos 60 anos (como acontece co persoal da sanidade pública ou co profesorado ingresado após xaneiro de 2011).

Unha proposta de xubilación anticipada que non responde ás demandas do funcionariado mentres se amplía a xubilación forzosa aos 72 anos

As propostas que presenta o PSOE ao respecto da xubilación van en dúas liñas diferentes. Por un lado pretenden aplicar a xubilación parcial a todo o funcionariado nas mesmas condicións pactadas cos sindicatos CCOO e UGT para o ámbito xeral das empresas privadas, negando a recuperación das condicións existentes até a reforma das pensións de 2013. Por outro, elevan dous anos a idade forzosa de xubilación, pasando dos 70 aos 72 anos.

Son, por tanto, unhas medidas que conxuntamente implican unha renuncia aos dereitos arrebatados e unha nova traba á incorporación de xente nova á función pública pola vía de promover que se prolongue a vida activa.

Comparativa das distintas situacións das xubilacións anticipadas parciais e a tempo completo no sector público

Xubilación anticipada en Clases Pasivas

Xubilación parcial no Réxime Xeral até 2013

Nova proposta de xubilación parcial

60 anos de idade e 30 anos de servizo como mínimo. Xubilación a tempo completo.

61 anos de idade e xubilación até o 85% da xornada laboral.

64 anos (para quen se xubila aos 67) ou 62 (para quen se xubila aos 65).

O primeiro ano só se pode xubilar entre o 20% e un 33% da xornada laboral e nos dous últimos entre o 25% e un 75%.

Cotización mínima de 33 anos para ter dereito.

 

A CIG demanda do Goberno estatal a negociación urxente de todas as modificacións do EBEP que se pretenden aprobar no Congreso dos deputados, garantindo que o texto que finalmente se debata e, se procede, se aprobe conte coa posición previa de todas as organizacións que xunto coa CIG formamos parte da Mesa Xeral.

Outros cambios que se pretenden facer no EBEP sen negociación previa

Hai outros cambios que tamén se queren aprobar sen que previamente tiveran ocasión as organizacións sindicais de dar o seu parecer. Algúns dos cambios son positivos, outros son un escándalo (como evitar que se apliquen as oito semanas retribuídas do permiso parental). En todo caso todas as medidas adoecen da falta de vontade de contraste previo cos sindicatos para poder mellorar algunhas das propostas que se fan.

Algúns dos cambios propostos

Permisos por nacemento e adopción, garda con fins de adopción ou acollemento. Unifícanse no mesmo apartado cadanseu permiso, integrando a ambos proxenitores en vez da duplicidade actual (nai biolóxica por un lado e outra persoa proxenitora por outro). Indícase expresamente que no caso de familias cunha única persoa proxenitora o permiso será de 26 semanas. Unificase o EBEP co ET na cualificación da situación derivada dos permisos: suspensión con reserva do posto de traballo.

Permiso parental para o coidado de fillo ou filla ou menor acollido por tempo superior a un ano (até os 8 anos). Para cada proxenitor. Das 8 semanas só 2 serán retribuídas. Na xustificación da proposta o PSOE afirma que as 6 semanas de descanso obrigatorio posteriores ao nacemento, xunto con estas 2, xa cumpren coa directiva europea. O permiso pode desfrutarse en semanas completas, continuas ou descontinuas, a tempo completo ou parcial e “cando as necesidades do servizo o permitan”.

 

Permiso por coidado de fillo ou filla menor afectado por cancro ou enfermidade grave. Recoñécese que o permiso é un dereito individual de ambas persoas proxenitoras ou adoptantes. Só se limitaría o desfrute simultáneo no caso de que ambas concorran no mesmo órgano ou entidade. Neste caso a administración debe ofrecer un plan alternativo para asegurar o desfrute de ambas persoas funcionarias para posibilitar o exercicio do dereito de conciliación (actualmente se ambas persoas pedían a redución, unha delas non podía cobrar as retribucións íntegras).

A redución tamén se podería acumular en xornadas completas, previa regularización. Inclúese o dereito do goce desta redución para a persoa que conviva coa persoa enferma no caso de divorcio, separación, extinción da parella de feito, condición de vítima de violencia de xénero.

Vacacións. Inclúese que os 22 días hábiles de vacacións teñen carácter de mínimos. (Na Lei de Emprego Público de Galiza de feito xa son máis, vinculados á antigüidade).

Xubilación por incapacidade. Incorpórase unha aclaración referida á xubilación por incapacidade permanente: “cando non sexa posíbel realizar axustes razoábeis ou a mobilidade a un posto de traballo vacante, compatíbel coa nova situación”.

Incompatibilidades. Incorpórase a compatibilidade para o desempeño dun posto de traballo como docente universitario substituto a tempo parcial.

O persoal laboral deixa de ter como referencia para os permisos de nacemento, adopción, parental e lactancia o Estatuto dos Traballadores (ET), pasando a se rexeren polo EBEP.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.