A CIG denuncia a presenza marxinal do galego na Administración de Xustiza
O 20% dos expedientes que entran nos xulgados do Social de Galiza son da CIG, están escritos en galego e moitos deles conteñen unha solicitude expresa para seren tramitados na nosa lingua. Porén, esta petición raramente é atendida, incumpríndose deste xeito a Lei de Normalización Lingüística e vulnerándose os dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes.
Isto acontece malia que a Lei de Normalización Lingüística de 1983 establece a obriga dos poderes públicos de promover o uso normal da nosa lingua nas súas relacións coa cidadanía, así como que a Xunta promoverá a progresiva normalización do uso do galego na Administración de Xustiza. Porén, a realidade é que o español segue a ser a lingua maioritaria e o número de sentenzas que se emiten en galego son mínimas, reflectindo a escasa presenza e irrelevancia que o noso idioma ten no ámbito xudicial.
De feito, nin sequera está garantido o dereito dos cidadás e das cidadás a solicitar que o procedemento xudicial se desenvolva na súa lingua ou a recibir as notificacións en galego cando así o demandan. Unha situación de marxinalidade favorecida polas políticas lingüicidas do PP de Feixoo (obsesionado con facer desaparecer o idioma propio de Galiza) e polo nulo interese do Estado español en dar cumprimento á Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias.
Para reverter esta realidade, a CIG pide, entre outras cuestións, que se promova a formación do persoal da Administración de Xustiza para que teñan competencia no noso idioma e o use; que se utilicen os gabinetes de normalización dos órganos xudiciais e que se lles dea traslado efectivo dos expedientes para a súa tradución ao galego cando así se solicita por parte da persoa interesada; así como que se traduzan á nosa lingua os programas informáticos para facilitar deste xeito a tramitación dos procesos en galego.