A CIG denuncia a precariedade laboral que padecen as traballadoras de Mercadona
A CIG-Servizos denuncia a política de contratación a tempo parcial de Mercadona, que afecta maioritariamente a mulleres. Apunta ademais os incumprimentos do Plan de Igualdade e afirma que o convenio non ten, sequera, medidas para equiparar as condicións de estabilidade laboral entre homes e mulleres.
A secretaria nacional de CIG-Servizos, Transi Fernández, afirma que os datos confirman esta situación. Así, na Provincia de Pontevedra -datos do segundo trimestre-, Mercadona conta con 1.059 persoas traballadoras, das cales o 77% son mulleres e 23% homes.
“Deste persoal, 693 (65,44 %) persoas teñen contrato a xornada completa e 366 (34,56%) a xornada parcial -maioritariamente 20 horas e 15 horas para os de fin de semana-. No último trimestre a empresa realizou 163 contratacións das cales 80 contratos foron a tempo parcial o que supón un 49,07% dos contratos”, apunta.
Tomando os datos da provincia de Ourense, neste caso do primeiro trimestre, das 406 persoas contratadas, o 76% son mulleres e o 24% homes. “Deste total 267 (65,76%) son a xornada completa e 139 (34,24%) son a xornada parcial. Houbo 39 contratos dos cales 20 (51%) son a xornada completa e 19 (49%) a xornada parcial”.
Porcentaxes similares se dan nas provincias da Coruña e de Lugo.
Plan de Igualdade
A isto Fernández engade que o Plan de Igualdade publicado recentemente pola empresa con datos de todo o Estado, recolle que o 64% de xerentes A, persoal de atención ao público/tenda, son mulleres. Porén, no caso de xerentes b, encargados, o 71% son homes. Xunto a isto apunta que en 2022 promocionaron 1.083 persoas das cales o 48% eran mulleres.
Canda isto, a secretaria nacional de CIG-Servizos salienta que neste Plan de Igualdade “a empresa non indica porcentaxe de cargos como xerente C, máximo responsábel dun centro” e denuncia que, en todo caso, “as mulleres en Mercadona teñen imposíbel ser xerentes C e ser nais ao mesmo tempo, xa que a empresa impide expresamente que as persoas que ocupan este cargo poidan gozar de reducións de xornada por motivos de conciliación. Unha situación que se repite no caso de xerentes b, que tampouco poden optar a redución de xornada”.
Transi Fernández denuncia ademais que malia a empresa recoller no Plan de Igualdade que as persoas con contrato a tempo parcial terán preferencia para aumentar a súa xornada, “na realidade non se aplica ese criterio. Mesmo no verán do 2023, na provincia de Pontevedra as traballadoras fixas descontinuas, ao chegar o mes de setembro, foron despedidas”. E denuncia tamén que o Convenio Colectivo propio da empresa non ten ningunha medida para equiparar as condicións de estabilidade laboral entre mulleres e homes.
Nada de exemplar
A CIG-Servizos lembra que Mercadona, unha empresa que aumentou nun 40% os seus lucros netos -beneficios-, superando un lucro de 1.009M€, está sendo obxecto de denuncias diversas por parte dos comités de empresa. “A empresa que ante a cidadanía pregoa ser exemplar, está demostrando que se suma a moda de contratar a xornada parcial, e por certo, a maioría dos contratos a mulleres, fomentando a precarización e a feminización do sector e creando unha fenda maior salarialmente, fomentan unha merma económica nas cotización das mulleres”. Unha situación que, advirte, “terá graves consecuencias nas pensións futuras á hora da xubilación, cando xa a día de hoxe a diferenza entre a pensión dunha galega e a dun galego é de 391,23 euros mensuais, superando xa a fenda de xénero o 34%”. Unha fenda á que entende que contribúe Mercadona coa súa política de contratación.
Xuízo o 12 de setembro
Transi Fernández sinala que desde que a CIG conseguiu representación na empresa “estamos observando de primeira man incumprimentos continuos en materia laboral”. Sinala que o convenio propio de empresa, recentemente publicado e impugnado pola CIG, e con data de xuízo o vindeiro 12 de setembro, “segue tirando dereitos e impedindo que as persoas traballadoras teñan mellores salarios e beneficios sociais”. E conclúe que a entrada da CIG na empresa fixo que houbese “un control pola nosa parte de todos os incumprimentos que se están a cometer” o que entende que derivou “na persecución e represión da nosa RLT”.