A CIG denuncia a precariedade de bombeiros contratados a tempo parcial nos parques de Vilalba, Barreiros e Viveiro
A situación destes traballadores agrávase toda vez que dispoñen dunha xornada irregular, “o cal supón na práctica que non poidan compatibilizar as súas tarefas nos parques de bombeiros con outros traballos, condenándoos a unha precariedade absoluta”, denuncia Lois Neto, Secretario de Organización da CIG de Lugo.
Estes parques de bombeiros, xestionados pola empresa Veicar, pertencen ao Consorcio Provincial de Bombeiros, “polo que existe unha grande responsabilidade nas administracións públicas, maiormente da Deputación Provincial, na situación destes traballadores”.
A este respecto, apunta que non cabe a desculpa de que a contratación deste persoal é unha mellora da empresa no concurso, “posto que é impresentábel e indigno que as melloras nos concursos se baseen na precariedade dos traballadores, máxime cando estamos a falar dun servizo público esencial como é o da extinción de incendios e as emerxencias”.
Desde a CIG esíxese á Deputación Provincial, á Xunta de Galiza e aos concellos afectados que procedan a realizar as xestións oportunas para rematar coa precariedade destes traballadores, “pos é inconcibíbel que profesionais que están a realizar tarefas fundamentais para a seguridade dos veciños e veciñas estean a sufrir tal nivel de precariedade”.