A FGAMT-CIG de Pontevedra denuncia a situación de falta de control que se está a producir nas instalacións de Nutrimentos del Campo (Nucamsa), empresa do Grupo Campos situada en Dozón e actualmente en concurso de acredores, mentres permanece paralizado o proceso de poxa para a súa venda.
Tras a denuncia realizada pola central sindical o pasado mes de outubro, avanzouse algo no procedemento de poxa da compañía. Porén, nos últimos 15 días o proceso permanece paralizado á espera de que se celebre unha “subastilla” no xulgado entre as persoas que presentaron ofertas para adquirir Nucamsa.
Semella que hai alguén que non está interesado en que a empresa volva ter actividade, porque a desaparición de material vai dificultar a adquisición en poxa da compañía
A CIG alerta de que mentres se agarda por esta decisión xudicial estanse a producir movementos nas instalacións que xeran unha enorme preocupación, como a entrada e saída de vehículos de alta gama con persoal no seu interior, así como de camións que cargan material. Ademais, as portas das instalacións permanecen abertas e os candados desapareceron.
Para a central sindical, estes feitos resultan especialmente preocupantes nun momento decisivo para o futuro da compañía, xa que a desaparición de maquinaria, materiais e outros activos pode comprometer o interese das posíbeis empresas compradoras e dificultar que Nucamsa poida retomar a súa actividade produtiva. “Semella que hai alguén que non está interesado en que a empresa volva ter actividade, porque a desaparición de material vai dificultar a adquisición en poxa da compañía”, advirten desde a FGAMT-CIG de Pontevedra.
Por este motivo, reclaman que se aclare de inmediato o que está a acontecer nas instalacións e que se adopten as medidas necesarias para garantir a custodia e conservación dos bens da empresa mentres continúa o procedemento concursal.
Mantemento do emprego
A CIG insiste en que o concurso de acredores debe priorizar as ofertas e os proxectos que garantan a continuidade da unidade produtiva e a recuperación da actividade, así como o mantemento dos postos de traballo. A central sindical considera que non se pode permitir que a falta de control sobre os activos da compañía acabe facendo inviable a súa recuperación antes mesmo de que se resolva o proceso de venda.
A organización lembra que Nucamsa forma parte dun grupo empresarial que chegou a dar emprego a máis dun cento de persoas nas súas distintas sociedades e reclama que se actúe con responsabilidade para evitar que o proceso de liquidación supoña a desaparición definitiva dunha actividade industrial que aínda podería ter futuro.