A CIG denuncia a ocultación que os medios fixeron das mobilizacións contra a reforma laboral
A CIG é a primeira central sindical en Galiza e número de delegados e delegadas, en afiliación e en capacidade mobilizadora. Ademais, ostenta, desde o ano 1982, de acordo á lexislación laboral española e conforme aos artigos 6 e 7 da LOLS, a condición de máis representativa a nivel estatal e autonómica. Non obstante, tanto os medios de titularidade pública (nomeadamente a TVG) como os medios privados (financiados con millonarias subvencións públicas) de maneira persistente e reiterada minimizan, ocultan ou directamente manipulan as informacións relativas á CIG.
Este maltrato mediático puidemos comprobalo neste último mes a conta da nova reforma laboral. Malia os diversos comunicados remitidos pola central sindical, practicamente ningún medio, nin público nin privado, se fixo eco das nosas consideracións, ignorando a mantenta que en Galiza existe un posicionamento sindical contrario ao acordo saído do diálogo social, así como que se lle está a dar a cumprida resposta nas rúas.
Obxectivo: minimizar a capacidade mobilizadora da CIG e negar a Galiza
A cobertura informativa feita polos principais xornais do país e os medios públicos sobre as mobilizacións convocadas o pasado 30 de xaneiro esixindo a derrogación íntegra das reformas laborais non pode máis que cualificarse de manipulación pura e dura. A información escrita e audiovisual limitouse, na maioría dos casos, a unha pequena crónica collida de axencias, que nin sequera se refire á manifestación central, a de Vigo. Un feito especialmente grave no caso do Faro, pois é nesta cidade onde ten a súa sede e a redacción principal. Con esta orientación dada ás novas, preténdese ademais minimizar o papel mobilizador da CIG.
Pero esta estratexia, aplicada tanto pola TVG, a Radio Galega, La Voz de Galicia ou o Faro de Vigo, chega ao paroxismo cando se fai unha exaltación do sindicalismo nacionalista vasco, a quen se define, neste caso si, na súa condición de máis representativo, e a quen se presenta como única voz oposta (e válida) no movemento obreiro á nova reforma laboral. Por enriba, cando a CIG foi a promotora da xornada de mobilizacións do pasado domingo, que se desenvolveu simultaneamente en Galiza, Euskal Herria e Catalunya.
Esta orientación non responde a ningún afán de recoñecer a plurinacionalidade do Estado español nin o carácter de contrapoder do sindicalismo nacionalista, nin os seus obxectivos emancipadores. É un burdo subterfuxio para ocultar a CIG, para ignorar que existe un sindicalismo alternativo na Galiza e con suficiente capacidade mobilizadora á marxe de CCOO e UGT. Porque, a maiores, con esas pezas informativas quérese trasladar a idea de que as manifestacións en Euskal Herria tiveron máis apoios que ás convocadas pola CIG (centos de persoas fronte a miles, segundo estipulou a TVG), e negarnos como sindicato con capacidade de iniciativa e implantación no noso propio territorio.
Que reducir a presenza da CIG constitúe a política estudada dos medios, e non un simple acto inocente ou por despiste, evidénciao tamén a cobertura informativa que se lle deu á rolda de prensa ofrecida ao día seguinte polo secretario xeral de CCOO, de visita en Galiza. O que Unai Sordo ten que dicir a respecto da reforma laboral si que parece resultar de interese para o conxunto dos medios. Algo que, por outra banda, non deixa de ser un síntoma dos complexos que persisten nas direccións (o de fóra sempre é mellor), e do profundo españolismo e centralismo que defenden os medios de comunicación galegos tradicionais.
A CIG xa trasladou a correspondente queixa ao director xeral da CRTVG, así como aos principais xornais privados do país, por este tratamento que non respecta a representatividade da CIG na sociedade galega, que resulta parcial, falto de pluralidade, e que atenta contra a liberdade de expresión e a formación dunha opinión pública plural.
Necesidade de termos medios propios para rachar o bloqueo informativo
A necesidade de termos medios propios, galegos, maniféstase como unha necesidade cada vez máis urxente para rachar o bloqueo da información sobre o mundo do traballo e sobre o que sucede no noso país, Galiza. O poder económico e o poder político están a endurecer a súa ofensiva para que a CIG non siga avanzando, para que as nosas alternativas non se poidan levar adiante.
Esta situación non é nova, pero dáse nun momento moi crítico para a clase traballadora galega e para o pobo galego, no que está en xogo o noso futuro e no que conquistar políticas alternativas para avanzar nunha saída galega xusta da crise. E, neste caso concreto, ocúltase a resposta e o posicionamento da CIG sobre unha lexislación laboral que afecta de modo directo ás condicións de vida da clase traballadora galega e que nega os marcos propios de relacións laborais.
En calquera caso, non nos van calar nin parar, porque o noso medre é imparábel e o noso grande reto colectivo está en consolidar e ampliar esta maioría sindical, en ser un instrumento útil e capaz, de contrapoder real fronte á explotación de clase, de sermos combativas/os e firmes para avanzar nas conquistas de dereitos e no obxectivo estratéxico que temos na CIG da conquista dunha Galiza ceibe e sen explotación.