A CIG denuncia a neglixente xestión da Mancomunidade do Barbanza e exixe solucións que inclúan ao persoal da planta de reciclaxe

Denuncia a complicidade da Xunta de Galiza, cuestiona o silencio de Besteiro e o abandono anunciado polo alcalde de Ames
Compostela - 28 Mai 2025

A CIG denuncia a grave situación da planta de reciclaxe de Lousame (Servia), a piques de colapsar pola neglixente xestión da Mancomunidade Serra do Barbanza e a falta de compromiso político da Xunta de Galiza. Lembra que leva anos advertindo da situación que agora se acaba de confirmar e exixe a participación das traballadoras e traballadores na busca de solucións. Critica ademais a inacción do PSOE e cuestiona a actitude do Concello de Ames, que anunciou a súa saída da mancomunidade tras beneficiarse dun servizo máis barato e contribuír á saturación do vertedoiro.

O representante da CIG, Paulo Rubido, explica que a crise da planta intensificouse tras a aplicación da normativa europea polo Ministerio de Transición Ecolóxica (PSOE), que eliminou o modelo húmido-seco, o que obriga a implantar un quinto colector, rematando coa triaxe manual. “Isto foi a puntilla para a planta, que agora está nun punto sen retorno pola ausencia de xestión técnica e orgánica da mancomunidade”, afirma.

Segundo Rubido, a Xunta debe asumir a súa responsabilidade, xa que a planta xestiona residuos de 9 concellos e acumula un “pufo inmenso” que ameaza os 145 postos de traballo da planta.

Reconversión para continuar coa actividade

Xunto a isto, o delegado da CIG José Ángel Brantuas Suárez defende que a planta ten potencial para ser reconvertida, dada a súa localización, licenzas e capacidade para tratar fracción orgánica, incluíndo mesmo a de Compostela. “Queremos ser parte da solución, achegando a nosa experiencia nunha mesa de traballo, non de negociación, para adaptar os postos á nova Lei de Residuos e reconverter a planta en actividades como compostaxe ou triaxe de roupa e aceites”, propuxo.

A CIG critica duramente a campaña mediática do PP, que, tras unha reunión con alcaldes da zona, incluído o de Noia (PP), intensificou as súas críticas á oposición, cualificando o modelo de “fracasado”. Nese sentido, Rubido denuncia que o PP “utilízanos como escudo político, pasando por riba do noso cadáver” para desviar a atención da súa propia inacción e reforzar a súa aposta por Sogama.

A central sindical cuestiona tamén a posición do PSOE, especialmente a de José Manuel Besteiro, líder dos socialistas galegos, que non se pronunciou sobre a crise de Lousame a pesar da responsabilidade do seu partido na normativa que desmantelou o modelo anterior. Ademais, a CIG censura a actitude do Concello de Ames, gobernado polo PSOE, por anunciar a súa saída da mancomunidade tras beneficiarse durante anos dun servizo de tratamento de residuos a baixo custo, contribuíndo á colmatación do vertedoiro. “Ames quixo o servizo barato, pero agora fuxe cando hai que buscar solucións”, lamenta Rubido.

A CIG compara a situación con Sogama, que tamén enfronta problemas para tratar a fracción orgánica e acumula penalizacións por filtracións. “Sogama non é a solución milagrosa; está obrigada a construír plantas de compostaxe, pero vai retrasada. A planta de Lousame ten capacidade para tratar orgánico de forma eficiente se se adapta á nova normativa”, defende Brantuas. Propón, por iso, modelos como o da Deputación de Pontevedra, con mestres composteiros e compostaxe en zonas de restauración, que demostraron eficacia en concellos como Pontevedra.

A central sindical reclama á Xunta que non se converta a planta nunha mera estación de transferencia e que invista na súa reconversión, preservando os empregos e aproveitando a súa autorización ambiental. “O problema non é a planta, senón o desleixo da Xunta e da mancomunidade, que pasaron de todo”, denuncia Rubido.

Por iso a CIG esixe unha mesa de traballo con representación das traballadoras para deseñar un modelo sostible, instando ao Ministerio de Transición Ecolóxica a apoiar financeiramente esta transición.