A CIG denuncia a inutilidade do goberno galego para enfrontar a crise laboral da comarca de Ferrol
O luns 3 de maio unha representación do comité de Gabadi mantivo unha reunión coa directora xeral de Emprego e co director do IGAPE, da Xunta de Galiza, para abordar a situación laboral e o recorte nas condicións de traballo que a empresa quere implantar. Cómpre lembrar que Gabadi (dedicada á habilitación de buques) presentou un ERE para despedir a 33 traballadores/as indefinidos/as -até o momento xa comunicou 13 rescisións-, mentres está subcontratando actividade e ten persoal prestado por outras compañías nas súas instalacións.
Á dita xuntanza, explica Serxio Martínez, da CIG-Industria de Ferrol, acudiron unicamente representantes da CIG, xa que dende UGT declinaron asistir. Porén, máis alá da pronta resposta á solicitude, a reunión "foi un exemplo de como a Xunta de Galiza se escuda na normativa aprobada polo Partido Popular, nomeadamente a reforma laboral, para xustificar a súa falta de actuación".
Martínez subliña que a directora de Emprego manifestou claramente a súa falta de competencias e posibilidades para atender as demandas presentadas polos representantes do persoal, "e tanto como ela como o director do IGAPE, o brazo financeiro da Xunta, lamentaron a falta de carga de traballo en Navantia, o que contrasta coa falta de proxectos e de implicación do goberno galego para reactivar a actividade e a ocupación nos estaleiros".
Tampouco hai que esquecer que recentemente o vicepresidente, e responsábel de política industrial da Xunta, Francisco Conde, manifestou en público a súa preocupación polo feito de que chegue a tocarse a reforma laboral aprobada no seu día polo PP.
"Lamentamos profundamente que o Partido Popular pretenda facer do goberno galego un cascallo sen contido e sen competencias, unha estrutura inútil nos difíciles tempos que corren, nos que tan necesario sería ter iniciativa e vontade de servizo ao pobo, sobre todo a aqueles e aquelas en situación máis vulnerábel", asevera.