A CIG denuncia a insistencia de Vestas por manter o ERE dificultando unha solución industrial
A nova reunión da Mesa Industrial celebrada este mediodía na EGAP para abordar a situación de Vestas volveu rematar sen avances. Así o denunciou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril quen, máis unha vez reclamou á multinacional danesa a retirada do ERE para facilitar a busca de solucións desde a mesa industrial. Unha xuntanza na que tamén demandou da Xunta de Galiza que adopte as medidas necesarias para garantir a continuidade da actividade industrial e o mantemento dos postos de traballo evitando que a empresa aplique un ERE que suporá o peche da fábrica de Viveiro.
Para Carril “a empresa volve demostrar que a súa única intención é deslocalizar e pechar sen dar ningún tipo de alternativas”. Por iso denunciou que “cada vez se está demostrando máis a farsa sobre a que está montado este ERE e que o único obxectivo da empresa é cerrar sen dar ningún tipo de alternativa porque ao non paralizalo está dificultando a continuidade industrial ou mesmo que se consiga un comprador”.
Derrogar a reforma laboral
O secretario xeral da CIG denunciou ademais que “volvemos estar diante dun caso de indefensión porque segue vixente a reforma laboral, permitíndose así que todo o poder de decisión sobre despedimentos colectivos estea en mans das empresas” e reclamou a urxente derrogación íntegra das reformas laborais de 2012 e de 2010.
Para a CIG o feito de que a empresa non queira continuar coa actividade industrial non pode implicar o peche da factoría "hipotecando calquera futuro produtivo". Por iso, demandou do goberno galego que exerza as súas competencias en materia industrial e de emprego e free esta nova desfeita na comarca da Mariña.
Máis grave aínda considerou que se destrúa impunemente o tecido produtivo e os empregos nun sector como este, en pleno proceso de transición enerxética e cando Galiza padece unha ofensiva enerxética colonizadora coa implantación de macro parques eólicos, se destrúa impunemente o tecido produtivo e os empregos na actividade relacionada con este sector.
O secretario xeral da CIG denunciou o gran impacto social, ambiental e económico que sofre o noso país no proceso de implantación das renovábeis e reclamou que Galiza, cando menos, tire proveito desta actividade cun papel relevante na fabricación de todos os compoñentes.
Canda isto rexeitou a falta de políticas e de intervención pública nos distintos sectores da economía porque “é o que lle permite a Vestas acometer un despedimento colectivo como este e, ao tempo, seguir levando o mantemento de parques eólicos en Galiza e ser socio tecnolóxico das operadoras enerxéticas”. Unha situación que se dá porque “non se obriga ás empresas a que a instalación masiva de eólicos leve ligados proxectos industriais para a súa implantación”.