A CIG denuncia a inacción de Política Social na salvagarda da saúde das traballadoras do SAF
A CIG-Servizos de Ferrol critica a falta de actuación da Consellaría de Política Social e Igualdade da Xunta de Galiza e o desleixo no seu labor inspector para garantir a saúde laboral das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Valdoviño.
Neste momento, explica o secretario comarcal da CIG-Servizos, Francisco Cartelle, no SAF de Valdoviño estase a vivir unha situación de extrema gravidade, posto que un familiar dun usuario vén agredindo verbal e fisicamente as traballadoras de xeito reiterado, chegando a intentar agredir fisicamente a unha auxiliar. Feitos que xa están denunciados en vía xudicial.
A pesar de existir informes da propia empresa e da traballadora social do Concello, nas que tamén constan estes graves feitos, a Xunta de Galiza "non toma medida algunha para solucionar esta situación". "A inacción da Consellaría de Política Social é impropia tanto dende o punto de vista da súa labor inspectora do cumprimento das obrigas das persoas usuarias, como dende un punto de vista de xénero e igualdade, permitindo que as mulleres sexan vítimas de prácticas que a administración non debera consentir no ámbito das súas competencias", subliña.
Por iso, a CIG-Servizos demanda a actuación inmediata da administración pública e o cumprimento das súas obrigas "de xeito que neste caso e similares se garanta a seguridade das persoas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar".
Violencia verbal e física
A este respecto, Cartelle explica que no SAF non son poucas as ocasións nas que as traballadoras (o 99% dos cadros de persoal están formados por mulleres) padecen violencia verbal e mesmo agresións machistas, mesmo físicas, por parte de determinadas persoas usuarias ou familiares. Nestas circunstancias a indefensión que sofren as traballadoras "é total e absoluta".
Na maioría das ocasións a “solución” pasa por cambiar a traballadora que ten que realizar as tarefas no domicilio no que se está a producir o conflito. Unha solución que, evidentemente non é tal, xa que o único que se fai é traspasar o conflito dunha traballadora a outra.
Nos casos extremos, onde mesmo a integridade física da traballadora está en risco, "e nos que a única solución razoábel pasa por suspender o servizo usuaria mentres se incumpra as obrigas de tratar co respecto debido as traballadoras, é cando a Consellaría de Política Social e Igualdade non afronta as súas responsabilidades e négase a facer cumprir os termos do servizo, condenando as traballadoras a realizar as súas tarefas baixo un risco grave".
Esta actitude, engade Cartelle, non se pode agardar dun poder público "e menos dun que ostenta a responsabilidade e competencias en materia de igualdade". A Consellaría é a responsábel última, pois a suspensión do servizo só pode ser decretada pola administración autonómica ou pola xustiza.
Por iso, "a Inspección da Xunta non só ten a obriga de que se realice o servizo en debidas condicións, senón tamén ten a obriga de asegurarse de que as persoas usuarias cumpran cos seus deberes para poder manter o servizo e o respecto as traballadoras do sector é un deber fundamental de persoas usuarias e familiares establecido na propia Lei".