A CIG alerta da grave situación laboral no SAF de Valdoviño, con atrasos continuos no pago das nóminas

O cadro de persoal de Atendo desenvolverá unha concentración diante este xoves día 9 diante do Concello ás 11:30 horas
Valdoviño - 07 Xul 2026

A CIG-Servizos de Ferrol denuncia a “situación límite” que está a sufrir o persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Valdoviño, xestionado pola empresa Atendo, tras dous meses de atrasos continuados no pagamento das nóminas e despois de que a propia empresa recoñecera este último mes que non dispón de liquidez para facer fronte aos salarios das persoas traballadoras. En consecuencia, o cadro de persoal desenvolverá unha concentración este xoves día 9 diante do consistorio para esixirlle responsabilidades á concesionaria e ao Goberno local.

A central sindical considera “absolutamente intolerábel” que un servizo público esencial, do que dependen tanto as condicións laborais das profesionais como a atención ás persoas usuarias, estea sometido a unha situación de “incerteza permanente” pola “incapacidade” da empresa para cumprir coas súas obrigas salariais. 

A propia empresa recoñeceu este último mes que non dispón de liquidez para facer fronte aos salarios das persoas traballadoras

E lamentan que a resposta ofrecida polo Concello de Valdoviño, como administración responsábel da prestación do servizo, se limite a afirmar que “non pode facer nada” diante desta situación. Para a organización sindical, esta posición resulta “inaceptábel”, xa que o Concello ten a responsabilidade de garantir que a empresa concesionaria cumpra co contrato e coa lexislación laboral.

“As persoas traballadoras non poden ser quen paguen as consecuencias dunha mala xestión empresarial nin da pasividade da administración, xa que detrás destes atrasos hai familias que dependen do seu salario para afrontar gastos básicos como hipotecas, alugueiros ou alimentación”. Esta problemática súmase a un longo historial de conflitos no SAF de Valdoviño. De feito, a CIG xa tivo que denunciar con anterioridade incumprimentos do convenio colectivo, deficiencias na xestión da xornada laboral e irregularidades nas percepcións económicas do persoal.

Pagamento urxente

Dende a central sindical demandan o pagamento urxente de todas as cantidades pendentes ao persoal; que Atendo garanta a puntualidade no aboamento das nóminas nos vindeiros meses; que o Concello de Valdoviño deixe de inhibirse e adopte todas as medidas ao seu alcance para obrigar a concesionaria a cumprir coas súas obrigas laborais e contractuais; e que se lle dea prioridade á estabilidade do servizo e á dignidade das condicións laborais das profesionais que o fan posíbel.

Finalmente, advirten de que se esta situación non se resolve de maneira inmediata continuarán impulsando todas as accións sindicais e legais necesarias para defender os dereitos das persoas traballadoras e para garantir un servizo público de calidade. Con este obxectivo, a central sindical ten convocada unha concentración do persoal de Atendo este xoves día 9 diante do Concello de Valdoviño ás 11:30 horas, para a que reclama o apoio da veciñanza.