A CIG denuncia a fraude social e o fracaso industrial e laboral da transición xustas nas Pontes

Diante dos resultados negativos do Acordo Tripartito de abril de 2020, a central reclama un instrumento galego alternativo de planificación e xestión
As Pontes - 14 Abr 2025

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o de Traballo, e os sindicatos estatais CCOO e UXT, xunto con Endesa, veñen de dar conta dos resultados negativos do Acordo Tripartito por unha Transición Enerxética Xusta para as Centrais Térmicas en Peche: o Emprego, a Industria e os Territorios. Estes resultados cargan de máis razóns a posición da CIG, confirman as denuncias sobre os enganos narcotizantes da chamada Transición Xusta e evidencian a necesidade urxente de contar cun instrumento galego alternativo de planificación e xestión.

Foron precisamente estas reivindicacións as que levaron a CIG a convocar, entre outras accións, a folga xeral do 23 de novembro de 2023 e a manifestación do pasado 19 de xaneiro nas Pontes.

O Acordo é un instrumento centralizado que, intencionadamente, exclúe a CIG na súa condición de sindicato maioritario na Galiza e que, ademais, deixa as medidas laborais e industriais baixo o  interese de Endesa.

O responsábel de Enerxía da CIG, Fernando Branco, advirte que o informe de 2024 está “cociñado”, cando menos no que se refire ao emprego destruído, que no caso das Pontes diminúe en máis de 200 persoas a respecto do documento asinado en 2020, “que contemplaba 366 máis 160 transportistas, moi lonxe dos 1.100 empregos que recollía o informe da Universidade da Coruña encargado polo Concello”. Nunha das súas conclusións, o MITECO vén de informar que só 5 persoas traballadoras das auxiliares, das 169 que estaban antes do peche, estarían contratadas no desmantelamento nas Pontes. “Alguén está a quedar atrás, por moito slogan da Transición Xusta”, critica.

Os proxectos anunciados, sen concreción

No relativo a novos proxectos, e aínda que a memoria subliña a “importancia da súa concreción en pouco tempo para evitar que se produza un desfase temporal entre o peche da Central e o despregamento de proxectos industriais alternativos“, a realidade é que:

  • Endesa xa renunciou á construción dunha central de hidróxeno, que fora anunciada polo alcalde como o maior proxecto de hidróxeno do Estado español.
  • Sobre Sentury, que foi o primeiro proxecto declarado como PIE (Proxecto Industrial Estratéxico) pola Xunta de Galiza, e que anunciaba a creación de 750 empregos directos, agora o propio MITECO recoñece non ter noticias das pretensións da empresa promotora. Lembrar neste caso as fotos do presidente da Xunta, en Monte Pío, co empresario, e tamén o vídeo do alcalde das Pontes asinando co mesmo empresario un acordo para a colocación en Sentury dos traballadores/as das auxiliares de Endesa. Mesmo dende o Concello, en plena campaña electoral, anunciaron o inicio das obras desta empresa para setembro de 2023.
  • A fábrica de Ence queda pendente de, durante este ano 2025, tomar a decisión de seguir co proxecto; mais agora mesmo vén de quedar fóra, cando menos provisionalmente, das axudas estatais de circularidade, dependentes do MITECO.
  • Sobre outros proxectos tamén anunciados nas Pontes, como a central de hidróxeno de Reganosa-EDP, as centrais de bombeo e a fábrica de amoníaco de Universal Kraft, non dan ningunha información.

Tamén advirte a Memoria que “é previsíbel que ao longo dos anos haxa outros proxectos que non terminen saíndo adiante”.

Os 1.400 MW da central seguen “desaparecidos”

Branco salienta que o documento tamén pon en valor a importancia estratéxica dos Concursos de Transicións Xusta dos nodos de evacuación, “mais non fala para nada dos 1.400 MW ‘desaparecidos’ co peche da central”. O seu papel fulcral, engade, evidénciase na comparativa do emprego estimado nas distintas zonas nas que Endesa tiña centrais térmicas, na que destaca a de Andorra (Teruel), que tivo dous concursos por unha potencia superior a da central pechada, o que garante os proxectos mediante un aval depositado por Endesa.

“En definitiva, a central térmica pechouse, o emprego destruíuse, As Pontes segue perdendo poboación (sobre todo moza) e afiliación á Seguridade Social, e o futuro prometedor que tanto anunciaron non se acaba de concretar en absolutamente nada”, asevera Branco.

Un deseño contrario ao empregado cando o peche da mina

O responsábel de Enerxía da CIG contrapón este deseño “centralizador e inútil” ao empregado antes do peche da mina, o Plan de Desenvolvemento Económico-Industrial para As Pontes 1997-2012, asinado pola Xunta, Endesa, CIG, CCOO e UXT. E compara os resultados de ambos procesos: fronte aos cero empregos creados e aos anuncios de proxectos que van perdendo credibilidade e confianza logo de cinco anos de Transición Xusta, están as realidades do Plan de Desenvolvemento e o que hoxe é Penapurreira, coas achegas económicas de Endesa que permitiron a oferta de solo industrial a prezos máis que competitivos, e axudas á implantación de proxectos industrias dun 15%.

Estas contías sumábanse ás axudas públicas, o que facilitou que en 2007 se tiveran desenvolvido máis de 400.000 m2 industriais, con 50 novas empresas e máis de 1.200 empregos xerados, cuns 23 millóns de euros achegados por Endesa. Tamén están na súa contabilidade a mellora das estradas, a construción da autovía, e a ampliación da oferta formativa.

Necesidade de xestión propia

Por iso, “dende a CIG reiteramos con máis razóns, as reivindicacións coas que convocamos a folga xeral do 23 de novembro de 2023 e a manifestación do pasado 19 de xaneiro nas Pontes”. Así mesmo, a CIG demanda a planificación e xestión propia de todo o relacionado co peche da central térmica das Pontes, dos fondos económicos previstos para afrontar os seus efectos, e esixe a obrigada implicación de Endesa, ademais da asunción por parte da Xunta das súas competencias e responsabilidades e, por parte do Estado, a realización urxente do Concurso de Evacuación do nodo dos 1.400 MW da central.

“Estamos convencidas de que é a única opción, aínda posíbel, de loitar contra o desmantelamento industrial e por un futuro construído dende Galiza e para Galiza”, conclúe.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.