A CIG denuncia a falta de vacinación covid do persoal de ambulancias na área sanitaria de Vigo
A FGAMT-CIG denuncia que pese a que a área sanitaria de Vigo conta co maior índice de contaxios nesta sexta onda da covid é a única das sete que non iniciou a citación do persoal técnico en emerxencias sanitarias para recibir a terceira dose de vacinación. Nas outras zonas as citacións déronse a coñecer a semana pasada, e a maior parte dos profesionais sanitarios das ambulancias de do país estarán vacinados antes do día 12 de decembro, coa excepción das comarcas do Morrazo, Vigo, Val Miñor, Baixo Miño, Condado e Paradanta.
“Tan só se coñecen dous casos illados que foron citados na área de Vigo de máis de 200 traballadores/as, polo que non podemos entender como pese a ser dos profesionais sanitarios máis expostos e a soportar a maior presión asistencial, somos os únicos/as que aínda non sabemos nada da terceira dose”, critica un dos técnicos do 061.
Ante a falta de información algúns profesionais están a acudir ao centro de vacinación, no que lles confirman que non saen nas listaxes e solicitan que se lles administre algunha das doses sobrantes. “Somos profesionais sanitarios/as que prestamos un servizo público esencial e temos que ir mendigar unha dose para poder traballar de forma segura”, láiase unha traballadora adscrita ao servizo programado de ambulancias.
Coincidindo con esta situación, o presidente da Xunta fixo público a través da súa conta oficial de twitter que recibiu a terceira dose da vacina dirixida a persoal sanitario e a maiores de 60 anos.
Persoal queimado
O persoal técnico en emerxencias, tanto o adscrito ao 061 como ao servizo programado, atópase xa “queimado” polo “menosprezo” e o trato recibido polo Sergas durante os dous anos de pandemia. A día de hoxe estase a citar e a vacinar en Vigo a profesionais sanitarios dos PAC, centros de saúde, hospitais, centros socio-sanitarios e mesmo persoal de farmacias privadas.
Pese a isto os profesionais sanitarios das ambulancias non teñen tan sequera cita, a excepción de dous casos coñecidos ou maiores de 60 anos. “Estanse a dar casos nos que dentro dunha ambulancia do 061 hai persoal atendendo a un paciente covid con compañeiras do PAC que xa recibiron a terceira dose”, advirte unha das profesionais do 061.
Compre sinalar que no borrador das primeiras doses de vacinación covid o persoal de ambulancias quedaba fora do primeiro grupo de vacinación de persoal sanitario, e foi tras unha intervención do BNG no Parlamento cando se mudou o texto. Malia isto, o Sergas decidiu incluír tan só ao persoal do 061 e deixar fóra ao persoal adscrito ao servizo programado e de servizos privados.
Sucedeu o mesmo coa campaña da gripe deste ano 2021, na que a pesares de que as autoridades sanitarias contan coa previsión dunha maior incidencia, o Sergas decidiu deixar fóra outra vez do primeiro grupo de vacinación para persoal sanitario ao persoal técnico de ambulancias tanto dos servizos urxentes como dos programados.
Intervención do Sergas
Diante disto, responsábeis da FGAMT-CIG solicitáronlle por escrito á dirección da principal empresa concesionaria da área sanitaria de Vigo (Ambulancias do Atlántico) “que se fagan as xestións necesarias para que todo o persoal traballador de ambulancias poida ser citado para recibir a terceira dose”.
Así mesmo, e tras comprobar a situación na que se atopan os profesionais sanitarios dos diferentes servizos de ambulancias en Galiza, a CIG reclamou por rexistro ante a Xerencia da área sanitaria de Vigo que se inicie de inmediato e con carácter urxente a citación do persoal adscrito ao 061, programado e servizos privados para recibir a terceira dose.
“Podemos entender que as axendas de vacinación son diferentes nas distintas áreas sanitarias e que o ritmo de vacinación non é o mesmo, incluso sabemos que as citacións se realizan seguindo unha orde pola inicial do apelido, pero o que está a acontecer na área de Vigo co persoal de ambulancias non ten xustificación”, censuran dende a FGAMT-CIG.