• Nova

A CIG denuncia a falta de persoal e medios nas oficinas de Correos da Coruña

A Coruña - 08 Nov 2022

O sector de Correos da CIG denuncia a mala praxe por parte da dirección da empresa en Galiza ao tomar a decisión de non cubrir as ausencias laborais e ao expoñer, sobre todo ao persoal de atención ao público, "a unhas condicións de traballo que poden ter consecuencias negativas para a súa saúde". Pero ademais, esta falta de persoal tamén está a supoñer un incremento nos tempos de espera para os usuarios e usuarias de Correos, "que ás veces ocasiona situacións de tensión que a dirección debe evitar". Así, advirten que non é a primeira vez que se teñen producido enfrontamentos, incluso físicos, por mor dos tempos de espera.

Dende o pasado 2 de novembro a dirección decidiu non cubrir as ausencias de varios/as empregados/as de distintas oficinas da cidade da Coruña, como son as oficinas que están en El Corte Inglés, Os Castros e a Estación do Tren. Na oficina de Monte Alto tampouco se está a cubrir outro posto de dirección dende hai varios días. Esta decisión provoca que os usuarios e usuarias teñan que soportar esperas innecesarias para realizar as súas xestións e supón unha sobrecarga de traballo, tanto física como psíquica, para o persoal que ten que asumir o traballo do persoal que está de permiso.

Á falta  de cobertura de ausencias, sinala a CIG-Correos da Coruña, súmanse outras circunstancias como son o deficiente funcionamento dos sistemas informáticos. "Sen ir máis lonxe, nas últimas semanas do mes de outubro houbo importantes caídas nos sistemas informáticos que provocaron colas nas xanelas de Correos". Estas eivas nos sistemas informáticos de Correos non son algo ocasional, "senón que se dan con bastante frecuencia debido a que a tecnoloxía que utiliza Correos quedou obsoleta".

A CIG tamén critica a falta de subministro de determinados produtos que se venden nas oficinas de Correos, como as caixas e sobres de determinados tamaños e modelos "que son solicitados pola cidadanía e que se atopan esgotados porque a dirección da empresa non está realizando as xestións precisas para evitar que as oficinas estean desabastecidas deste produtos".

Para a CIG-Correos, as políticas que se están a seguir dende a dirección van encamiñadas a debilitar a imaxe dunha empresa que conta con máis de 300 anos de antigüidade "co obxectivo de poñer capital público en mans privadas". Neste sentido, a CIG pon en valor o gran esforzo que fai o persoal de reparto, atención ao público e o persoal que traballa nos centros de tratamento postal "ante todas estas adversidades, para lograr que o servizo que presta Correos siga sendo un servizo valorado pola sociedade".