A CIG denuncia a falta de persoal na desescalada no aeroporto de Santiago
Delegados/as de persoal e membros de comités de empresa da CIG de varias empresas do aeroporto Rosalía de Castro de Santiago compareceron esta mañá en rolda de prensa xunto a representantes do sindicato para dar conta das medidas que van tomar ante a reanudación dunha serie de actividades que foran suspendidas polo estado de alarma e nas que consideran que falta persoal.
Pablo de Prado, delegado sindical da CIG e de prevención de riscos laborais en AENA exerceu de portavoz e relatou como coa crise sanitaria e os diferentes decretos de estado de alarma o aeroporto de Santiago reduciu a súa actividade ao mínimo, o que afectou aos postos de traballo das empresas concesionarias e das compañías aéreas, solicitando a maior parte algún tipo de ERTE.
As operadoras AENA e ENAIRE mantiveron a actividade, pero fomentando o teletraballo naqueles postos onde era posible, mais unha parte do cadro de persoal continuou coa súa actividade de xeito presencial. Agora reanudáronse os voos comerciais, e con eles a práctica totalidade das empresas reanudaron tamén, en distintos graos, a súa actividade.
De Prado critica que se teña programado a apertura sen que en moitas empresas se tivera feito unha avaliación específica sobre a COVID-19, ao tempo que consideran grave que non se teña feito a coordinación de actividades empresariais “cando son ducias de empresas que comparten un único centro de traballo”.
Denuncia que o criterio fundamental que está a pesar nas empresas privadas é o económico, rescatando dos ERTE a menor cantidade de traballadores/as posíbel e poñendo a rendibilidade empresarial por diante da seguridade laboral e da das persoas usuarias.
Ao mesmo tempo, considera que non se pode entender que nun punto de entrada de viaxeiros/as do resto do Estado e internacionais o servizo de limpeza manteña unha redución do 70%. A superficie a limpar e desinfectar, independentemente do menor número de persoas usuarias, é o mesmo. “E agora son moitas máis as superficies e obxectos a desinfectar despois de cada uso, algo que antes non era necesario facer”.
Denuncia na Inspección
O servizo de limpeza ten que encargarse tamén dos espazos comúns das respectivas empresas, e en particular nos de AENA e ENAIRE, onde a limpeza e desinfección de todas as súas instalacións e oficinas son responsabilidade da concesión, pero non se están a cumprir as instrucións do Ministerio de Sanidad de aumentar a cantidade e intensidade das limpezas e desinfeccións. “Ao contrario, no conxunto do aeroporto son menos que antes da pandemia”.
No caso da cafetería e do restaurante, que contan con varios puntos, só abren un, polo que que todo o fluxo persoas usuarias teñen que empregar o mesmo espazo continuamente, “cando entendemos que o razoable sería empregar o resto de cafeterías co obxectivo de manter as distancias de seguridade e evitar aglomeracións”.
De igual xeito, a seguridade privada mantén unha reducción do persoal do 50% cando se debera de contar con mais efectivos para controlar o correcto uso das instalacións do aeroporto, manter as distancias de seguridade, evitar aglomeracións e vixiar o emprego de máscaras, por exemplo. “Tampouco parece lóxico que o persoal sanitario do aeroporto non se reincorporara aínda”.
Finalmente, na comparecencia de prensa deuse conta da presentación dunha denuncia na Inspección de Traballo, e anunciouse que nos próximos días se solicitará unha reunión coa dirección do aeroporto para pedir explicacións, non descartando a convocatoria de mobilizacións se non se resolve esta situación, que consideran grave.