A CIG denuncia a falta de persoal de mantemento no servizo de Deportes do Concello de Vigo
A sección sindical da CIG no Concello de Vigo denuncia a falta de persoal de mantemento no servizo municipal de Deportes, o que está a provocar o abandono das instalacións deportivas da cidade por non acometer as actuacións necesarias dende hai anos. Advirten da existencia de deficiencias tan graves que provocarán a suspensión de competicións deportivas e critican “a deixadez e o abandono” do deporte por parte dos responsábeis municipais.
Dende a central explican que en 2011 o Servizo de Deportes (antes IMD) contaba con máis de 20 efectivos encargados das tarefas de mantemento. Mais dende a absorción deste organismo por parte do Concello, o cadro de persoal foise reducindo (falecementos, xubilacións, incapacidades, etc) sen que se fixesen contratacións. En consecuencia, na actualidade só hai dous oficiais que se encargan de realizar o mantemento de máis de 30 instalacións deportivas (pavillóns, campos de fútbol, pistas de atletismo, etc).
Ao mesmo tempo, lembran que a CIG leva varios anos solicitando que se cubran todas as baixas que se producen no servizo, sen obter resposta por parte dos responsábeis municipais. E iso a pesar de que a principios de ano acordouse nunha mesa de traballo -na que participaron a dirección do servizo de Deportes, recursos humanos e o comité de persoal do Concello de Vigo- a incorporación inmediata dun mínimo de 12 efectivos para solucionar os problemas o máis axiña posíbel. “Mais isto non se levou a cabo, e descoñecemos cal é o motivo ou interese de non facer as contratacións; o que si sabemos é que as instalacións continúan a deteriorarse, cando o deporte foi declarado actividade esencial”.
Graves deficiencias
Até o punto de que a día de hoxe xa existen instalacións con deficiencias tan graves que provocarán a suspensión de competicións deportivas por falta de iluminación, cubertas en mal estado, equipamentos deteriorados ou perigo por risco de caída de cerramentos e valados.
Por todo isto, a sección sindical da CIG no Concello de Vigo decidiu facer pública a necesidade urxente de incorporar persoal no servizo de Deportes e denunciar “a deixadez e o abandono” que está a padecer o deporte na cidade.