A CIG denuncia que os centros de saúde seguen sen medidas de seguridade fronte ás agresións ao persoal
A CIG-Saúde de Vigo volve alertar da falta de medidas de seguridade fronte ás agresións no servizo de Atención Primaria, tras a denuncia pública feita o pasado mes de outubro. En especial sinalan o que acontece no centro de saúde de Coia, no que o seu persoal se atopa en situación de total desprotección, até o punto de que o pasado xoves foron necesarias tres asistencias da Policía española por casos de violencia durante a xornada de tarde.
Dende a central sindical lamentan que a pesar de que se trata de incidentes recorrentes a Xerencia da área sanitaria viguesa non se adoptou ningún tipo de medida para garantir a seguridade das traballadoras/es malia as propostas do propio persoal e das organizacións sindicais. “Hai meses que vimos denunciando ante a Xerencia para que se tomen medidas neste centro de saúde, así como no de Taboada Leal e no de Teis, que son nos que se detecta maior conflitividade”.
Ao mesmo tempo, inciden en que este tipo de condutas agresivas non deixan de medrar e están motivadas na maioría das ocasións por cuestións alleas ao persoal do centro, “como pode ser a falta de persoal médico de familia ou pediatras, mais tamén polos elevados días de agarda para obter unha cita”.
Por todo isto, a CIG-Saúde reclama a adopción “de xeito inmediato” de medidas organizativas e de seguridade do persoal tanto do centro de saúde de Coia como do resto dos centros que concentran o maior número de incidentes violentos.