A CIG denuncia a escandalosa condena as/os mozos de Altsasu catalogando os feitos como atentado á autoridade
Diante das condenas que van desde os 2 anos até os 13 anos de cadea (as máximas penas aplicables polo delito de atentado á autoridade) para os 8 mozos e mozas implicados nos feitos de Altsasu, por unha trifulca de bar con 2 axentes da garda civil e as súas parellas, desde a CIG manifestamos a nosa preocupación pola deriva que está a levar a xustiza española, aplicando criterios ben diferentes segundo a orixe das persoas implicadas, a súa ideoloxía e a súa actividade ou pertenza a organizacións críticas co réxime actual.
Xunto con estas penas, a Audiencia Nacional impón outras sancións de carácter económico por “danos morais” ás persoas denunciantes. Os feitos remóntanse a 15 de outubro do 2016, e durante o tempo transcorrido (no que 3 deles pasaron case dous anos no cárcere), foise creando arredor unha montaxe mediática para que foran xulgados como delito terrorista chegando a solicitar o fiscal chegou até 62 anos de cárcere. Todo isto, a pesar das probas e testemuñas que desmentían esta versión. Finalmente, non foron sentenciados por terrorismo, mais semella como se o fosen.
Non poñemos en dúbida que os últimos acontecementos políticos no estado, o proceso soberanista de Catalunya, o traslado do debate a Euskal Herria, os anuncios de desarme e disolución feitos por ETA, e a curiosa “casualidade” de que a xuíza do caso sexa parella dun garda civil e recibira unha condecoración deste corpo policial, condicionaron de xeito decisivo ese veredicto final.
Chama máis a atención vendo a impunidade de que gozan todo tipo de manifestacións, insultos, ameazas e agresións que estamos vendo ultimamente por grupos e individuos de corte fascista e patriótico español. Mentres seguen a se manter presos políticos e se multiplican as imputacións e condenas contra cantantes, escritores/as, debuxantes , sindicalistas, periodistas ou artistas que son críticos con este réxime do 78. Isto e o alarmante incremento da represión (mesmo violenta) e criminalización da protesta, está sacando á luz a verdadeira cara dun Estado Monárquico que, por moito que se autodefina “de dereito”, está a mostrar as súas grandes carencias democráticas. Algo que xa está a transcender tamén fóra das súas fronteiras.
Por todo isto, queremos mostrar toda a nosa solidariedade con estes mozos e mozas, coas súas familias, e con todos os movementos de liberación nacional e de loita de clases que teñen que loitar, non só contra a dureza do sistema, senón tamén contra as inxustizas que a miúdo comete contra eles/as.
Santiago de Compostela, xuño de 2018
Confederación Intersindical Galega (CIG)