Denuncian a distribución irregular de electricidade na Illa de Ons pola Consellaría de Medio Ambiente
O sector de Autonómica da CIG-Administración denuncia que a Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático (CMACC) está a xerar e distribuír electricidade de xeito irregular vivendas particulares e negocios privados da Illa de Ons á custa da seguridade e da saúde do seu persoal.
Dende a central sindical explican que o pasado mes de decembro o delegado de prevención de riscos laborais da CIG no comité de seguridade e saúde laboral (CSSL) da Consellaría realizou unha visita a Ons, pertencente á localidade morracense de Bueu e integrada no Parque Nacional das Illas Atlánticas, para observar de primeira man o estado das instalacións, maquinaria e demais cuestións relacionadas coa seguridade e saúde do persoal.
“O aspecto que máis lle sorprendeu é o rol que asume a CMACC como empresa subministradora de electricidade para toda a illa, na que ademais dunhas 100 vivendas existen varios negocios de hostalaría que atenden aos milleiros de visitantes que chegan cada ano (142.000 en 2024)”. Segundo sinalan, esta “insólita” situación é sobre a que “pivotan” os problemas máis graves de seguridade e saúde laboral do persoal da Xunta.
A maiores desta irregularidade, critican que o propio xeito de xerar a electricidade que utiliza o departamento autonómico encargado da protección ambiental é a máis contaminante posíbel, xa que se basea na utilización de equipos electróxenos con motores de explosión diésel en funcionamento 24 horas ao día e utilizando gasóleo agrícola. “Equipos que por suposto non están automatizados, senón que acende e apaga a man o persoal da Consellería (axentes ambientais, vixilantes, etc.) de xeito precario e varias veces ao día, unha delas de madrugada”.
Condicións do século pasado
As propias contas de 2023 -recoñecidas polo propio director do Parque- falan de non menos de 120.000 litros de gasóleo consumidos cada ano en Ons. Gasóleo chega á illa nun barco contratado que descarga habitualmente entre 6 e 8 depósitos de 1000 litros. O persoal é o encargado de cargalos e trasladalos dende o peirao “con medios improvisados” até grandes depósitos fixos nas instalacións, “traballo indispensábel para alimentar os grandes, ruidosos e contaminantes xeradores de electricidade”.
Esta maquinaria e combustíbel é manexado polo persoal da Xunta nunhas instalacións e condicións que dende a CIG consideran inaceptábeis e propias do século pasado. “Non é de estrañar que os pequenos derrames de combustíbel sexan habituais no Parque Nacional, pois nin sequera se conta con balsas de retención”.
Por todos estes feitos e outros incidentes informados polo persoal, a central sindical solicitou a documentación pertinente ao CSSL da CMACC. Concluíndo, unha vez revisada a información, que:
-As instalacións non constan dadas de alta en industria como é preceptivo dado o tipo e volume de combustible e a gran potencia dos equipos.
-Non constan os preceptivos proxectos de instalación de depósitos nin de equipos electróxenos.
-Non constan empresas certificadas que realicen as operacións de instalación, revisión e mantemento obrigatorias que garantan o correcto estado das instalacións existentes.
-Non existe persoal especializado ao cargo dos equipos.
-Non consta informe das persoas responsables das incidencias e problemáticas.
Contratos sen transparencia
“Pero a cousa non queda aquí, pois ao indagar na contratación da subministración de combustíbel comprobamos que o contrato no se atopa no portal de transparencia da Xunta. Nin tampouco as contratacións do transporte marítimo, pese a ser un destacado gasto de cartos públicos de carácter ordinario”.
Estas grandes cifras (até 120.000 litros de gasóleo ao ano) enténdense porque a CMACC non soamente atende o servizo das súas instalacións, senón que produce e distribúe irregularmente enerxía a toda a poboación da illa e aos negocios de hostalaría. “Un servizo en precario de apenas 10 horas ao día e sen garantías de calidade para as persoas usuarias, que como é normal non abonan”.
Seguridade e saúde laboral
Esta situación -que se mantén dende dende hai máis de 20 anos- ten un efecto “intolerábel” na seguridade e saúde do persoal, que se ve na obriga de asumir riscos froito da “irresponsabilidade” dos xestores do Parque Nacional. “O director, nos 20 anos que leva no cargo, apostou decididamente por unha xestión medioambientalmente insostíbel e irresponsábel”, caracterizada pola “improvisación”.
Neste senso, na CIG censuran que a súa xestión evidencia o “desprezo” á seguridade e saúde dos/as seus compañeiros/as, pois as medidas que a central esixe con urxencia xa se contemplaban nas avaliacións de riscos e plans de acción que ten no caixón dende 2017. Por iso demanda da CMACC ou da propia Presidencia da Xunta que asuman a responsabilidade destes feitos e inicien “de inmediato” as medidas oportunas para rematar con esta situación.