A CIG denuncia a “desproporcionada actuación policial” nunha concentración de empregadas/os da limpeza en Ourense
Segundo explican dende a Unión Comarcal da CIG de Ourense, a desmedida actuación policial produciuse ao remate dunha concentración das traballadoras/es da limpeza diante da sede da CEO, que se mobilizan dende hai oito semanas en defensa do seu convenio colectivo. A protesta desenvolveuse sen incidentes até que os policías españois procederon a identificar a varios representantes sindicais por supostamente ter alterado a orde.
Foi entón cando interveu o secretario comarcal da CIG, Etelvino Blanco, para intentar mediar, sendo collido e zarandeado por dous axentes, que intentaron trasladalo até un furgón policial. A inmediata reacción das traballadoras/es alí presentes logrou evitalo, tras o que os policías formalizaron unha denuncia contra el por alteración grave da seguridade cidadá, negativa a identificarse e insultos.
Dende a central negan rotundamente estes feitos e denuncian que se tratou dunha actuación absolutamente desproporcionada e incendiaria por parte dos axentes, “que se mostran execesivamente celosos/as en custodiar a patronal e criminalizar a clase traballadora e os seus representantes”.