As políticas da Xunta con Ferrolterra: suprimir o ensino presencial da rama de construcións metálicas
A CIG advirte da desaparición da rama de construcións metálicas do ensino presencial no CIFP Ferrolterra cando este é o único centro de Galiza onde se oferta esta formación por módulos. Para a central sindical resulta difícil de entender que nunha comarca como a de Ferrol, que ten os estaleiros e os centros de mecanizado máis grandes do país e do Estado español, non se manteña unha oferta formativa completa nunha modalidade, a ordinaria, "que vén demostrando a súa calidade dende sempre".
Esta decisión da Xunta, apuntan dende a CIG de Ferrol, choca cos anuncios de formación para paliar a situación de desemprego na comarca, en especial entre a mocidade, e co feito de ser Ferrolterra unha zona que centra a súa actividade económica sobre todo nas construcións metálicas.
Neste senso, salientan que a modalidade ordinaria é a máis garantista das modalidades ofertadas: pública, universal e continuísta, porque debe obedecer a unha planificación a longo prazo destinada a cubrir as necesidades de man de obra cualificada do tecido industrial da súa área de influencia.
Non se garante a universalidade
Alén disto, a oferta en modalidade dual non garante a universalidade da formación "por canto hai unha selección do alumnado con criterios de empresa, nin garante a súa continuidade, pois depende dun convenio co centro de formación e polo tanto é unha oferta circunstancial e eventual, suxeita á necesidade ou posibilidade da empresa para acoller alumnado".
A oferta en modalidade modular ou en réxime de adultos, así como a oferta dual, pode ser complementaria da oferta ordinaria, como acontece noutros centros de Galiza, pero non pode ou non debe ser substitutiva desta, engaden.
"A finalidade dun centro de Formación Profesional é ante todo social, formar persoas traballadoras cualificadas que se integren no noso tecido produtivo: é a prioridade e o reto cara ao futuro. Estudar, formarse, obter un título que certifica unhas capacidades técnicas, optar a un emprego de calidade, mellorar a competitividade das nosas empresas é o xeito de desenvolver unha sociedade de progreso. E coa desaparición desta modalidade no CIFP Ferrolterra non se contribúe a que isto ocorra".