A CIG denuncia a degradación do servizo e das condicións do persoal de Vitrasa

Os condutores/as teñen mesmo que renunciar ao descanso entre viaxes e a circular a velecidades elevadas para poder cumprir uns horarios absoletos, o que dificulta unha condución responsable
Vigo - 10 Nov 2025

A sección sindical de CIG en Vitrasa denuncia a degradación que se está a producir no servizo de transporte urbano público que ofrece a compañía e nas condicións laborais do seu persoal, cuns horarios obsoletos que obrigan a ter mesmo que renunciar aos descansos entre viaxes e a circular a velocidades elevadas para poder cumprilos, dificultando unha condución responsable e respectuosa coas persoas usuarias.

“Cumprir cos horarios na maioría das rutas resulta imposible, xa que están totalmente desactualizados e quedaron absoletos ao non ter en conta cuestións como a cantidade de obras existentes na cidade, o aumento de pasaxeiros/as, o maior número de semáforos, a falta de carrís bus ou as limitacións de velocidade da vía”, sinalan dende a CIG-Vitrasa.  

O negocio está en levar o maior número de persoas no menor tempo posible, sen importa dar un pésimo servizo nin os danos colaterais que provocan no persoal

Neste senso, adiantan que proximamente estará de novo en funcionamento toda a montaxe das luces de Nadal, “polo que non entendemos como o plan de tráfico nestas datas continúa facéndonos pasar pola zona de maior afluencia de visitantes e compartir calzada con eles”. En consecuencia, á tensión que xeran os atrasos habituais neste período súmase o risco de ter que transitar por unha zona chea de viandantes “que pasean despistados pola principal zona da iluminación do Nadal”. Por iso entenden que o máis lóxico sería evitar o paso por estas zonas e aumentar os tempos de percorrido, algo que non contempla nin no plan de tráfico do Concello nin o deseño dos horarios para estas ocasións especiais.

Advirten que o deseño dos horarios da maior parte das liñas de autobús de Vitrasa obriga o persoal a ter que circular “en ocasións” dunha forma “que non é a máis correcta”, xa que para poder cumprilos sexa necesario “ir en todo momento á velocidade máxima permitida, ou mesmo superándoa”. Polo que persoal ten que utilizar tamén moitas veces os descansos entre viaxes para absorber o atraso acumulado e saír en hora no seguinte percorrido, “o que provoca que o descanso do persoal sexa totalmente insuficiente e o servizo á cidadanía non resulte cómodo nin confortable”.

Lembran que a solución a esta problemática figura no prego de condicións do concurso de adxudicación, que no seu artigo 15.5 establece que Vitrasa poderá propoñer modificacións para mellorar o servizo. Porén, a empresa opta por non facelo e alude a unha futura reestruturación do servizo por parte do Concello de Vigo que permita mellorar a totalidade do servizo. “Esta reestruturación nunca chega, e o Goberno local semella estar cómodo coa maneira de operar da empresa porque tampouco fai nada para remedialo”.

En consecuencia, consideran cando menos curioso que Vitrasa se queixe de que é a empresa do grupo Avanza con maior índice de accidentes con culpabilidade “mais non faga nada en relación aos horarios de percorrido para poder circular a velocidades máis adecuadas e deste xeito previr accidentes; o que demostra que máis que os accidentes o que prima é o aforro de custes”.

Xa que a empresa quere o maior número de viaxes no menor tempo posible. “Aí está o negocio: non importa dar un pésimo servizo nin os danos colaterais que isto poida supoñer, para iso ten un seguro de accidentes e sae máis rendible que o seguro pague polos accidentes que mellorar o servizo”.

Ameazas e represalias da empresa

De igual xeito, consideran contraditorio que Vitrasa por unha banda realice cursos de condución eficiente nos que se incide na necesidade dunha condución suave, segura e confortable para a persoa viaxeira, “pero pola outra manteña uns horarios de percorrido que para cumprirse nos obrigue a incumprir precisamente co que se expón estes cursos”.

Finalmente, denuncian que cando un condutor/a se rebela contra esta maneira de traballar e opta por cumprir coas normas de circulación facendo unha condución responsable co resto de persoas usuarias das vías e coas viaxeiras e reclama o seu tempo de descanso “chegan os castigos”. A empresa opta por transmitirlle que é a única persoa que non cumpre os horarios, mentres que o resto do persoal si que o fai. “Tras isto poden chegar mesmo ameazas: se non cumpres cos horarios imos abrir un expediente”. E o seguinte é tomar represalias como apartalo/a da liña na que traballa normalmente e/ou separalo do seu compañeiro/a. “Calquera cousa para que volvas entrar no círculo de malas prácticas profesionais e manter o mediocre servizo que se ofrece na nosa cidade”.