A CIG denuncia a criminalización dos mariñeiros do cerco condenados a prisión “por loitar polo seu futuro"
Un total de 16 mariñeiros do cerco tiveron que sentarse no banco dos acusados por supostamente ter orixinado desordes públicos durante as protestas convocadas polo sector en Vigo en 204 para reivindicar un reparto xusto da cota da xarda.
Xa antes do inicio do xuízo, fixado para as 9.00 horas, centos de compañeiros dos afectados concentráronse diante do edificio xudicial para amosarlles a súa solidariedade, aínda que un dispositivo policial impediu que se puidesen achegar ao recinto.
Ao remate da sesión fíxose pública a condena por conformidade entre as partes a seis meses da prisión a cada un deles, pena notablemente inferior aos tres anos que solicitaba a Fiscalía. Ademais, a condena poderá substituírse por unha multa de 1500 euros ou suspenderse a condición de non volver a delinquir en dous anos e de abonar a responsabilidade civil. En concreto, terán que pagarlle á Xunta de xeito conxunto un total de 7377 euros.
O responsábel do sector do Mar da CIG, Xabier Aboi, denunciou ás portas dos Xulgados que o proceso contra os mariñeiros “só entra na cabeza de quen quere perseguir a unha xente por pelexar polo seu futuro” e asegurou que quenes deberan comparecer son o ministro de Pesca naquela altura, a conselleira de Pesca “e todos/as aqueles/as que permitiron esta falcatruada”. “Pero os que están aquí son os mariñeiros unicamente por ir á Xunta a pedir xustiza; isto é o mundo ao revés”, lamentou.
A preguntas dos xornalistas sobre a petición da Fiscalía de tres anos de prisión para cada mariñeiro, Aboi criticou que se soliciten tantos anos de prisión para estes traballadores, “mentres todos os días vemos narcos que quedan en meses de condena ou onte mesmo Messi por defraudar millóns de euros foi condenado a un ano e medio”.
Neste senso, lembrou que a función da Fiscalía non é perseguir á xente, “senón botarlle unha man á Xustiza, e non hai nada máis inxusto que uns traballadores do mar non poidan traballar porque non teñen cota de pesca.”
Críticas á actitude da Policía
Ao mesmo tempo, o representantes sindical criticou a actitude da Policía española ás portas dos Xulgados, que tentou apartar do lugar aos compañeiros dos acusados. Diante disto, preguntouse se ten algún sentido que se queira apartar ás familias, aos compañeiros de barco ou á veciñanza das persoas que van ser xulgadas “senón é para provocar e buscar conflito?”.
En canto á condena, Aboi cualificou de “vergoña” a decisión xudicial, que encadrou na “represión sistemática” que padece a xente do mar. “Aínda que non teñan que entrar en prisión non deberan ser xulgados nin condenados por defender o seu pan”. Con todo, rematou asegurando que “nin con multas nin con xuízos e condenas van acabar coa loita por un reparto xusto das cotas de peixe, e a CIG loitará ao seu carón como sempre fixo”.