A CIG denuncia a Correos na Valedora do Pobo por discriminación entre a cidadanía de Vigo
A CIG vén de denunciar a Correos diante da Valedora do Pobo polo que considera un trato discriminatorio entre a cidadanía de Vigo, xa que os responsábeis de distribución están a falsear os datos do sistema de control da calidade en prazo de entrega facendo que se repartan os envíos do sistema de “panelistas” que vixía o cumprimento da entrega en prazo, dando preferencia aos envíos destes respecto aos das demais persoas usuarias.
A central sindical ten sinalado en numerosas ocasións a falta de persoal e o “pésimo servizo postal” que se está a prestar como consecuencia da non cobertura de xubilacións, baixas laborais e permisos que non se cobren e polo feito de que o pouco persoal que hai ten que facer cada día novas zonas, coa correspondente baixa de produtividade.
Falsean os datos do sistema de control de calidade, preocupándose de que se repartan os envíos do sistema de “panelistas” que vixían o cumprimento da entrega en prazo das cartas ordinarias, dando preferencia aos envíos destes respecto aos das demais persoas usuarias
Esta falta de contratación de persoas traballadoras para o reparto está a provocar atrasos continuados na entrega dos envíos, chegando en casos, coma o da recente denuncia na localidade de Bueu, a facer que as citas médicas cheguen despois da data, cos conseguintes prexuízos.
No caso da zona de Vigo estes atrasos seguen a producirse, “sen que os responsábeis de distribución nesta zona lles poñan solución”, critican dende a CIG-Correos. Pola contra, lonxe de rematar cos prexuízos que poidan estar sufrindo as persoas usuarias deste servizo público “o que fan é falsear os datos do sistema de control de calidade, preocupándose de que se repartan os envíos do sistema de “panelistas” que vixían o cumprimento da entrega en prazo das cartas ordinarias, dando preferencia aos envíos destes respecto aos das demais persoas usuarias”.
O que constitúe, ao entender da CIG, unha clara discriminación da cidadanía que ten responsábeis directos, como a responsábel de sector de distribución de Correos en Vigo. Polo que denunciou ante a Valedora do Pobo o que considera unha ilegalidade manifesta, “dende o momento en que se lle dá un trato distinto a uns cidadáns sobre outros”.
Este sistema de “panelistas” funciona a través do envío de cartas ordinarias a unha serie de persoas (panelistas) que teñen a obriga de revisar a súa caixa de correo todos os días e informar en que días lles chegan as cartas, polo que sabendo o día de envío da carta e o día de entrega coñécese o prazo de entrega destas.
O que fan os responsábeis de Correos é controlar que destinatarios pertencen a este sistema (algo sinxelo sabendo o tipo de cartas e a frecuencia coa que as reciben) e presionar o persoal de reparto para dar preferencia a estes envíos, que son entregados o mesmo día que chegan á unidade de reparto; mentres que o resto dos envíos (incluso os que van dirixidos ao mesmo edificio) quedan sen repartir por falta de persoal de reparto, o que supón unha clara discriminación do resto dos usuarios, que nalgúns casos tardan semanas en recibir a súa correspondencia.
Atrasos nas notificacións
Ademais das cartas ordinarias, as notificacións administrativas tamén se ven afectadas polos atrasos derivados da falta de persoal. Algo especialmente grave ao tratarse comunicacións remitidas polas administracións públicas respecto da tramitación de calquera acto administrativo (concesións ou denegacións de prazas nas garderías públicas ou en residencias públicas, valoracións de discapacidades, resolucións dos Concellos ou da Seguridade Social, etc). Estas comunicacións non se están a entregar no día no que chegan ás unidades de reparto, acumulando, nalgunhas zonas da cidade, máis de dúas semanas de atraso, chegando incluso a superar o mes de atraso durante o Nadal pasado.
Polo que dende a CIG-Correos reclaman que se adopten as medidas urxentes para rematar con esta situación e esixen aos responsábeis da empresa pública que asuman as súas responsabilidades ante a mal funcionamento do servizo postal.