A CIG denuncia a censura de carteis contra o xenocidio palestino en centros sanitarios de Pontevedra
A CIG-Saúde de Pontevedra denuncia a censura dos carteis contra o xenocidio en Palestina que a Xerencia da área sanitaria Pontevedra-O Salnés está a promover nos centros sanitarios, como con anterioridade fixo a de Vigo, e reclama que se garanta o respecto pola liberdade de expresión do persoal.
Na central sindical explican que hai tempo que persoas traballadoras veñen colocando nos centros sanitarios carteis como le ‘Esta consulta condena o xenocidio en Palestina’, no marco das accións que persoal sanitario, distintos colectivos e o conxunto da sociedade desenvolve para denunciar o que está a acontecer en Gaza. “As persoas que dedicamos a nosa vida á prevención, curación, coidado e acompañamento de persoas doentes participamos destas accións porque non podemos compartir nin calar ante a destrución de infraestruturas sanitarias (hospitais, ambulancias, etc) e os niveis de crueldade e perversión do Estado de Israel masacrando a poboación palestina, matándoa de fame e enfermidades e, por se fose pouco, condenándoos a malvivir baixo o frío e a chuvia do inverno”, sinalan dende a CIG-Saúde.
Neste contexto, o pasado venres 6 de febreiro, durante a quenda de mañá, distintos centros comezaron a recibir chamadas da dirección indicándolles que debían retirar os carteis en contra o xenocidio “aludindo a que o persoal non pode manifestar a súa posición política no centro de traballo”.
Cómpre lembrar que a liberdade de expresión e de opinión son dereitos fundamentais, “e que ademais as persoas que se dedican á medicina facemos o xuramento hipocrático, que é un compromiso ético no que prometemos dedicar a vida ao servizo da humanidade, priorizando a saúde e o benestar das persoas e respectando a vida humana sen discriminación. Polo tanto, solidarizarnos coas vidas palestinas, de crianzas, maiores, doentes e tamén de sanitarias, é un mínimo para cumprir cos estes compromisos éticos”.
Por iso dende a CIG-Saúde pregúntanse se a Xerencia considera admisíbel o bombardeo de ambulancias e hospitais e o bloqueo da axuda humanitaria, incluídas provisións sanitarias e medicinas, “ou calar ante o asasinato ou mutilación de máis de 65.000 menores”.
Ao mesmo tempo, animan a dirección da área sanitaria e investir menos tempo e esforzo en censurar o persoal sanitario e centrarse en garantir o seu dereito á libre expresión, “porque levamos moitos anos denunciando os impedimentos para que poidamos realizar correctamente a nosa labor de información ás persoas traballadoras”.
Rectificación do xerente
Neste senso, lembran que en numerosas ocasións sinalaron que os taboleiros de información para o persoal e os pacientes son insuficientes e están en lugares pouco visíbeis como sotos ou detrás de portas, e cheos doutro tipo de anuncios sen que á Xerencia semelle preocuparlle. “Mais no momento no que temos empregado columnas ou paredes pola saturación dos taboleiros, actuaron tan rápidos como agora, dando a orde de arrincar a información mentres manteñen, por exemplo, a información de laboratorios”.
E consideran que coa orde de eliminar cartelaría crítica co xenocidio en Palestina a dirección da área sanitaria “estase a manifestar e a impoñer a todas as persoas traballadoras a súa posición política contraria á vida, á solidariedade co persoal sanitario e voluntario e ao compromiso ético coa paz e coas persoas que sofren en Palestina”.
Polo que lle reclaman ao xerente que faga pública unha rectificación “e que emita unha declaración firme de denuncia do apartheid, da ocupación de Palestina e do xenocidio do seu pobo e que se rompa calquera colaboración con entidades ou empresas que financien ou se lucren da ocupación e do xenocidio do pobo palestino”. E insisten en que a CIG-Saúde seguirá a defender a paz e a denunciar o xenocidio, “porque calar ante as inxustizas é darlle a razón a quen as comete”.