A CIG denuncia a “caótica” situación do sector de transporte de viaxeiros/as
Traballadores e traballadoras do transporte de viaxeiros/as concentrábanse esta mañá diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano, no marco dunha campaña de mobilizacións convocadas pola FGAMT-CIG para denunciar a caótica situación que atravesa. Denuncian o incumprimento sistemático dos pregos por parte das empresa, nomeadamente MONBUS -que practicamente ten o monopolio-, tanto polo servizo que prestan a usuarios/as, como polas condicións laborais e demandan unha xuntanza coa Dirección Xeral de Mobilidade, para abordar a problemática actual.
Xesús Pastoriza responsable do sector de Transporte da FGAMT-CIG explicaba, no decurso da concentración, que malia ter solicitado en reiteradas ocasións esa xuntanza, “Mobilidade está escondida” e que o sindicato xa ten presentado múltiples denuncias das que aínda non obtivo contestación.
Lembrou que en máis de 25 anos que leva traballando neste sector, “non acordo un caos como o actual desde todos os puntos de vista: para traballadores/as e para as persoas usuarias”. Sinalou as continuas protestas de viaxeiros e viaxeiras polos incumprimentos e denunciou que mesmo hai servizos que non se cumpren ou que saen tarde.
A modo de exemplo dixo que “hai varias zonas onde entre as 7:30 e 9:30 horas, até as aproximadamente 13:00-13:30 horas, non hai servizo de autobús, porque así o decidiron as empresas”, ou o solapamento de servizos de diferentes concesións que non se está a realizar, co que a administración estaría pagar dúas veces polo mesmo servizo.
“Manda Monbus, non a consellaría”
Denunciou ademais a situación de monopolio por parte de MONBUS, que ten o 75% de todos os contratos de Mobilidade; os despedimentos; a xente que non foi subrogada ou o incumprimento “absoluto” dos pregos nos que se indica que teñen que ter cocheras, taquillas, atención ao público.
Neste sentido, indicou que “está denunciado tamén na propia consellaría que mentiron na súa oferta. Conseguiron puntos e gañaron o concurso ofertando unha taquilla para atención atención ao público que nunca chegaron a pór en marcha”, ou como en Santiago, onde se empregan os terreos municipais dedicados ao transporte urbano para alberar todas as concensións da Xunta.
Denunciou ademais as consecuencias que isto ten para o emprego, porque “dispor desas oficinas ou taquillas significa crear emprego”. Mais non só iso, “hai xente despedida, e xa houbo concentracións por mor diso, e xente que non está subrogada”.
Lembrou os casos de traballadoras da Bergondo, que non foron subrogadas, da UTE Hércules Norte (Monbus), da liña A Coruña Ferrol, onde despediron a 8 traballadores e o caso dos condutores da liña do aeroporto de Santiago que, pese a gañar as sentenzas Monbus non readmitiu.
Persoal acompañante de transporte escolar no limbo
Outro dos sectores afectados pola situación de caos que atravesa o sector é o persoal acompañante de transporte escolar. “Na maioría dos casos non se rexistra a súa xornada como debería, todas as persoas traballan máis tempo do que se lles está pagando e moitas delas non foron subrogadas, co que se atopan nun limbo no que non deberían de estar”.
Malia esta situación, Pastoriza afirma que “a Xunta non supervisa nada, temos un montón de denuncias presentadas desde o mes de setembro, cando comezaron os contratos. Ao 90% das denuncias non temos contestación e ao 10% que nos contestan non din nada”. Unha situación que atribuíu ao feito de que sexa “hoxe Monbus quen manda aquí, non manda a consellaría”.
Reunión da comisión de seguimento
O representante da FGAMT-CIG explicou que no seu momento os tres sindicatos, entre eles a CIG, asinaron as cláusulas sociais dos pregos. Entre esas cláusulas está a existencia dunha comisión de seguimento que se ten que reunir a instancia de calquera das partes. Unha comisión que tería que vixiar polo cumprimento dos pregos dos contratos, para a que solicitaron unha xuntanza pero que “tamén se nos denegou”.
Xesús Pastoriza apunta que o obxectivo desa comisión debería ser arranxar problemas pero que “semella que a Xunta non lle interesa porque posiblemente sairía moito lixo”. Entende que terá que ser a Inspección de Traballo quen actúe e advirte que “máis tarde ou máis cedo todo isto sairá á luz por máis que queiran ocultar”.