A CIG denuncia a Burger King por vulneración de dereitos laborais e condutas antisindicais

A Inspección de Traballo de Lugo propuxo sanción contra a compañía pola modificación unilateral de quendas e horarios e a xestión irregular das vacacións
Lugo - 15 Abr 2026

A Confederación Intersindical Galega (CIG) denuncia publicamente as graves irregularidades laborais detectadas pola Inspección de Traballo nos tres centros que a empresa Burger King Spain SLU ten na provincia de Lugo e que motivaron unha proposta de sanción contra a compañía.

Segundo a resolución da Inspección de Traballo, Burger King vulnerou a normativa vixente en materia de tempo de traballo mediante:

- Modificación unilateral de quendas e horarios: a empresa altera quendas e horarios sen aviso previo e sen acordo co persoal.

- Xestión irregular das vacacións: non se entrega á Representación Legal das Persoas Traballadores (RLT) o cadro de quendas de vacacións; estas concédense verbalmente a cada persoa traballadora e as datas de goce son modificadas sen acordo co persoal.

Negativa a conceder Permisos Individuais de Formación

Ademais, explica a CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, a empresa denega sistematicamente os Permisos Individuais de Formación (PIF) para realizar formación regrada ou formación para a mellora do emprego, malia que todo o persoal cotiza nas súas nóminas baixo o concepto de “achega formación profesional”.

“Esta práctica vulnera o dereito á formación profesional recoñecido no Estatuto das persoas traballadoras e impide o exercicio efectivo de dereitos legalmente estabelecidos”, salientan. Por este motivo, a central xa interpuxo demanda no xulgado por parte da delegada da CIG no comité da provincia de Lugo.

Conduta antisindical

A isto súmase que a día de hoxe, Burger King aínda adebeda á delegada da CIG o salario correspondente ao mes de febreiro. Hai que sinalar que o 18 de febreiro, a traballadora iniciou unha excedencia forzosa con dereito de reserva de posto para realizar as prácticas dunha formación regrada, pero a empresa condiciona o pagamento do salario á sinatura dun finiquito, nunha clara tentativa de chantaxe.

Esta conduta antisindical provócalle un prexuízo económico e psicolóxico á traballadora e constitúe unha medida de presión directa polo traballo sindical que desenvolve como delegada do comité.

Ante a gravidade dos feitos e a dobre cara da empresa nas relacións laborais, a CIG está a valorar un calendario de mobilizacións para denunciar publicamente estas actuacións patronais e esixir o cumprimento íntegro da legalidade laboral.