A CIG denuncia a ameaza aos postos de traballo nas autovías rescatadas pola Xunta
A CIG-Construción concentrouse esta mañá diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano, para denunciar a “incerteza laboral” que afecta ao persoal das autovías de Santiago-Brión, Salnés, Celanova e Barbanza, rescatadas pola Xunta o 1 de xaneiro.
O secretario nacional da CIG-Construción, Plácido Valencia criticou que os traballadores e traballadoras están “nun limbo laboral” tras o rescate, sen información clara, mentres as empresas concesionarias, prorrogadas ata a nova licitación, “non facilitan datos”.
A CIG convocou esta concentración para exixir o mantemento de todos os postos, especialmente os das cámaras, que realizan reconto de vehículos e vixilancia. Valencia alertou de que “estes empregos están en risco” tras unha pregunta parlamentaria do BNG, á que a Xunta respondeu que conservará “os postos que sexan precisos”. A central teme que este labor, inexistente noutras conservacións, se elimine.
A falta de pregos publicados agrava a actual situación de desinformación. Por iso Valencia denuncia que van meses sen información oficial, malia a CIG ter presentado un escrito á consellería en outubro e solicitado unha xuntanza, peticións para as que non obtivo resposta algunha.