A CIG demandará a TRALUSA por vulnerar os dereitos fundamentais á liberdade de expresión e á liberdade sindical
A CIG anunciou esta mañá, en rolda de prensa, a presentación dunha demanda contra TRALUSA por vulneración dos dereitos fundamentais á liberdade de expresión e a liberdade sindical, por abrir expediente por falta moi grave, que pode ter como consecuencia o despedimento, contra a presidenta do comité de empresa. A empresa considera “deslealdade” que valorara o estado da flota de autobuses urbanos, a petición dun medio de comunicación.
Así o explicou o responsable do sector de Transporte da CIG-Compostela, Inácio Pavón, quen compareceu acompañado da Presidenta do comité, Maica Dono, o secretario do comité, Óscar Fraga e David Castiñeira, secretario do comité de Seguridade e Saúde Laboral.
Segundo Pavón, o pasado verán Dono recibiu unha chamada dun xornalista preguntándolle polo mal funcionamento do aire acondicionado nos autobuses urbanos, ao que respondeu que en varios vehículos ou non funcionaba, ou non o facía axeitadamente. Unha situación que, como lembrou o representante da CIG, “suscitou un debate social, que foi máis alá do ámbito laboral, non descubrimos nós, porque afecta a todos os veciños e veciñas de Compostela e que se repite todos os anos cando suben as temperaturas”.
Mal estado da flota de autobuses
Pavón lembrou ademais que o mal estado dos autobuses vense denunciando desde hai tempo. “A ninguén se lle escapan as cousas que teñen ocorrido, como vehículos que arderon espontaneamente, algún deles que causou un accidente tráxico dun bombeiro que estaba participando nun operativo para apagalo ou diferentes avarías”.
Por iso considerou tanto máis sorprendente a acusación de “falta de lealdade” por facer pública unha suposta información interna, cando o problema, que é coñecido publicamente, “non é a lealdade, senón a falta de mantemento dos autobuses por parte de Monbus”. Neste sentido, o responsable do sector de Transporte da CIG-Compostela asegurou que o persoal de TRALUSA “está farto de advertir á empresa de fallos nos buses” e denunciou que, en lugar de resolvelos a empresa “sempre poñen escusas para non acometer moitas das reparacións necesarias”.
Vulneración de dereitos
Diante desta situación Inácio Pavón asegurou que a CIG “non pode aceptar que se vulnere o dereito de liberdade de expresión”, que considerou básico e que se produce no seo dese debate social que vén de anos, polo estado dos propios autobuses, e que se pretenda que nese debate “non poidan participar os traballadores e as traballadoras”.
Ao seu entender, iso impediría ademais “o noso labor sindical”, isto é, “manifestar publicamente as demandas que os traballadores e as traballadoras teñen respecto dos vehículos”, porque “falar do estado no que se atopan os autobuses insírese no labor básico de prevención de riscos laborais”, explicou.
Xunto a isto subliñou que é responsabilidade da empresa manter os equipos de traballo en perfecto estado para que non se produzan riscos e advertiu que, por iso, “non imos aceptar, en ningún caso, que non poidamos manifestar publicamente cales son as nosas reivindicacións e de denunciar como esta empresa está, sistematicamente, deixando de facer o seu labor, segundo a Lei de Prevención de Riscos”.
Lembrou que levan anos deixando constancia nas actas das xuntanzas do Comité de Seguridade e Saúde de partes de avarías que non son atendidas e que provocan que co paso do tempo o deterioro dos autobuses sexa cada vez maior.
Sanción ao anterior presidente do comité
O responsable do sector de Transporte da CIG-Compostela lembrou ademais que o anterior presidente do Comité de Empresa, mecánico, xa fora sancionado por denunciar unha situación similar pola que tivera que recorrer ao xulgado. “Naquel caso a escusa foi por unha avaría segundo eles mal arranxada, curiosamente nun vehículo que nin sequera era do transporte urbano”.
Unha situación que Pavón recordou que veñen denunciando desde hai tempo, que “Monbus emprega as instalacións que pon ao seu dispor o Concello de Santiago e máis os traballadores/as, que paga o Concello de Santiago, en virtude desta concesión, para facer reparacións de toda a súa frota”. Un uso indebido que considerou que si é “unha deslealdade con esta concesión e co Concello e unha competencia desleal con resto de empresas que se presentan a un concurso tendo que poñer medios propios para facer estas reparacións, cando Monbus emprega para unha parte da súa actividade empresarial os medios que lle pon a disposición o Concello de Santiago”.
Por iso concluíu reiterando que, independentemente de como quede ao final o expediente, se levará ao xulgado esta vulneración de dereitos e liberdades, “porque non podemos estar permanentemente ameazados e non imos tolerar a política do medo que pretende impor o Grupo Monbus a quen se queixe. Por iso abren este expediente, nada menos que a presidenta dun comité, para que o resto do persoal tome note e cale”.