A CIG demándalle ao ISM que restabeleza o servizo médico do centro de sanidade marítima de Corcubión
Na reunión da Executiva do ISM da Coruña, á preguntas da CIG, a directora provincial confirmou que a praza médica do ISM de Corcubión está vacante e que o organismo non vai adoptar ningún tipo de medida para cubrila mentres non haxa oposicións. O organismo estatal deixa así sen servizo de maneira indefinida aos mariñeiros e mariñeiras e materializa un peche encuberto deste centro
Dos recoñecementos médicos dependen máis de 1400 mariñeiros/as da zona que, ante a imposibilidade de que se dea o servizo ou non se poida dar cando se pide, terán que desprazarse para intentar conseguir os recoñecementos noutras zonas sanitarias.
Un servizo necesario para as e os mariñeiros
O secretario comarcal da CIG Mar, Manuel Camiño, denuncia que dende Madrid, "que non ten mar nin coñecemento da realidade marítima galega, estase a eliminar un servizo de proximidade que precisan os mariñeiros/as para realizar o seu traballo". Cómpre lembrar que "a constitución que utilizan como xustificación para intentar precarizar e eliminar o servizo, cando falan de principios de economía, eficacia etc., tamén fala no artigo 103.1 da descentralización e desconcentración da administración".
A súa vez o Real Decreto 1696/2007 e o Convenio Sobre o Traballo Marítimo de 2006 sobre os recoñecementos médicos sinala que o Instituto Social da Mariña debe de ter un número suficiente de centros e de persoal, apuntando ademais que os recoñecementos médicos de embarque marítimo se deben realizar coa maior axilidade, calidade e accesibilidade posíbeis.
Seguindo estes principios, coa falla de persoal médico no centro de sanidade marítima de Corcubión non se garantiría a maior axilidade, nin accesibilidade, nin por suposto calidade ao carecer de medios necesarios e dun servizo que se preste todos os días da semana. A isto hai que sumar o gasto que lle vai supor aos mariñeiros e mariñeiras desprazarse a outras localidades e a perda de días de mar.
Tampouco se entende o recorte de servizos por parte do Goberno español cando anuncia por todo o alto que pretende descentralizar servizos cara ás zonas rurais para evitar o despoboamento. "Venden fume", denuncia Camiño, "pois xa levan dende o ano 2009 pechando as oficinas de Laxe e Muxía". Un perda de servizos que afonda na crise que vive o sector debido ás diversas políticas en materia de pesca aplicadas pola Xunta de Galiza e os distintos Gobernos do estado.
Traspaso de competencias
A CIG pide unha descentralización real e efectiva co traspaso de competencias do ISM á Xunta de Galiza e que sexa este organismo, a través do Servizo Galego de Saúde, quen ofreza un servizo de calidade seguindo os principios de accesibilidade, eficacia, celeridade e proximidade.