A CIG demándalle á directora provincial do ISM que se fagan os cursos de formación sanitaria nos centros da Costa da Morte

A central rexistrou escrito de petición tamén no consello xeral do instituto
Costa da Morte - 18 Feb 2022

A CIG reclamoulle á directora provincial do Instituto Social da Mariña que atenda as demandas dos mariñeiros e mariñeiras da Costa da Morte e que se ofrezan os cursos de formación sanitaria inicial -imprescindíbeis para poder saír ao mar- no centros que o ISM ten nesta comarca. A central sindical tamén rexistrou esta petición por escrito na dirección provincial e no consello xeral do Instituto Social da Mariña (situado en Madrid).

A responsábel do ISM na provincia da Coruña denegou a posibilidade de facer estes cursos nas aulas das que dispón o organismo nas distintas localidades da Costa da Morte, alegando que estes centros non contan con servizo de vixilancia. A alternativa que ofrece é que os mariñeiros e mariñeiras se trasladen até a dirección provincial ou ás oficinas de Noia, co que isto implica de gasto económico e de perda de días de traballo; ou ben que se faga a través da  teleformación. Pero esta modalidade deixaría nunha situación de marxinación dixital a un bo número de traballadores/as que non dispoñen nin dos medios nin dos coñecementos necesarios.

Neste senso, o secretario comarcal da FGAMT-CIG da Coruña, Manuel Camiño, subliña que a formación en liña debe ser un complemento para aquelas persoas que voluntariamente se queiran acoller a este tipo de modalidade "pero entendemos que non se pode impor", tal e como está pretendendo facer o ISM. Ademais, considera que esta negativa enmárcase no proceso de desmantelamento progresivo e de perda de servizos que están a sufrir os centros e oficinas locais do ISM.

Por iso, Camiño demanda que a formación sexa impartida nas direccións locais do ISM ou nos espazos que as confrarías ofreceron para esta actividade, como xa ten acontecido con outro tipo de cursos que se realizaron nas confrarías "sen que supuxera ningún problema loxístico nin de seguridade". A CIG lembra que estes cursos son necesarios para o desenvolvemento do traballo no mar "e que é un deber do ISM impartir esta formación nos centros que conforman a súa rede formativa, tal e como se establece na carta de servizos deste organismo público".