A CIG demanda unha nova sala do social en Compostela para solucionar a actual situación de colapso
A CIG de Compostela manifesta o seu máis absoluto rexeitamento á decisión da Comisión Mixta de Xustiza de non autorizar a creación dunha nova sala do social en Santiago de Compostela. Denuncia o colapso das actuais e os enormes atrasos que iso xera, provocando a indefensión dos traballadores e traballadoras que teñen que agardar anos para ver atendidas as súas demandas.
O secretario comarcal da CIG de Compostela, Anxo Noceda, considera incomprensíbel que Santiago quede á marxe da decisión de crear novos xulgados en Galiza, máis cando “os xulgados de Compostela saen en todas as estatísticas precisamente polo colapso que hai e do noso punto de vista é o que máis necesidade tiña de ser reforzado”.
Noceda denuncia que con esta decisión a quen se castiga é ás traballadoras e traballadores, que quedan “nunha situación de enorme debilidade fronte á patronal” ao atrasarse até en varios anos os procesos xudiciais relativos a reclamacións de cantidades económicas(por impagos de nóminas, indemnizacións, actualizacións salariais…), incumprimentos de convenio, demandas por conciliación de vida laboral e familiar, resolucións de EREs ou ERTEs e mesmo por despedimentos.
O secretario comarcal da CIG de Compostela alerta de que esta situación non afecta exclusivamente á capital de Galiza senón a toda a comarca e acusa á Comisión Mixta de Xustiza de beneficiar “consciente ou inconscientemente a aqueles que vulneran os dereitos da clase traballadora”.
Neste sentido explica que manter a actual situación provoca unha grave situación de indefensión das e dos traballadores que “ven como, transcorridos meses e meses, seguen se solucionarse as súas demandas xudiciais o cal contribúe a que as empresas aproveitándose desta situación oferten permanentemente quitas aos traballadores/as baixo a chantaxe de que ou cobran unha porcentaxe do que se lles adebeda ou terán que agardar anos a que saía por fin a sentenza”.
A CIG, que vén apoiando as demandas do Colexio de Avogados relativas á cuarta sala do social, súmase á preocupación xeral e aposta por presionar ás autoridades competentes para que se dea unha inmediata solución a unha demanda que vén de vello e que é imprescindíbel que se atenda como única forma de garantir o dereito de acceso á xustiza que asiste a todas e todos os cidadáns. Neste sentido Anxo Noceda fai un chamamento aos concellos da comarca para que adopten acordos plenarios instando á Comisión Mixta de Xustiza a revisar á maior brevidade esta decisión, máxime cando aínda se está a tempo de reconsiderar esta marxinación de Compostela e da súa comarca que acusan especialmente os traballadores e traballadoras deste Partido Xudicial.