A CIG demanda unha cláusula de revisión salarial que teña en conta o IPC interanual para o persoal empregado público
A Área Pública da CIG demanda a inclusión dunha cláusula de revisión salarial que teña en conta o IPC interanual para o persoal público. Denuncia que desde o ano 2010 as traballadoras e traballadores do sector perderon un 18,64% de poder adquisitivo e un 2,2% só no último ano. Apunta que de se introducir esta cláusula este ano deberían ter cobrado un 5,7% máis e non o 2,5% pactado polo goberno cos “dous sindicatos de sempre”.
A CIG leva desde sempre demandando que os nosos salarios estean referenciados coa evolución do IPC aínda tendo en conta que os índices oficiais do IPC interanual non reflicten axeitadamente os efectos da carestía da vida nos nosos petos mais se o INE di que en 2022 subiron os prezos un 5,7% (un 6,4% en Galiza que sempre sae penalizada), esta debera ser a nosa suba salarial en 2023.
O mecanismo que propón a central sindical para que isto se faga efectivo é incorporar unha cláusula de revisión salarial que recolla unha paga consolidábel a final de ano coa diferenza entre a suba salarial inicial e o IPC real, evitando que os salarios das traballadoras e traballadores do sector público perdan valor para afrontar os gastos diarios.
Tendo isto en conta a comezos deste ano debería facerse un “axuste” dado que no ano 2022 esa diferenza (despois de aplicar a suba do 1,5% que se cobrou en novembro) foi do 2,2%. Polo tanto, a efectos prácticos, aplicar a cláusula de revisión suporía:
- Un único pago nesta nómina de xaneiro dunha contía adicional do 2,2% sobre as retribucións anuais do 2022.
- Esta porcentaxe consolidaríase como suba salarial para facer o cálculo da suba salarial do ano seguinte (no caso do 2022, a suba debería quedar no 5,7% no canto do 3,5%), polo que a suba do 2023 calcúlase partindo desta cantidade.
O pacto do sindicalismo estatal cogoberno afianza a perda de poder adquisitivo
A suba salarial pactada polo goberno, CCOO e UGT é do 2,5% para 2023. Só no caso de que o IPC de 2023 chegase ao 6% se engadiría un 0,5% a finais de ano, é dicir, garántese a perda da capacidade de afrontar os gastos diarios. Como xa se indicou, a perda acumulada do 2,2% no último ano súmase ao devalo continuado dos nosos salarios desde 2010, chegando no 2022 a un desfase do 18,64%.
A Área Pública da CIG critica que os dous sindicatos estatais (desta volta CSIF non asinou o acordo) apoien de novo esta perda de poder adquisitivo para os e as traballadoras públicas cando hai un ano exactamente cualificaban de insuficiente a suba aprobada unilateralmente polo goberno dun 1,5% e iso que a suba do IPC interanual con respecto a 2021 fora dun 4%.
Esta actitude de servidume a un goberno, que non precisa que lle asinen ningún acordo para aprobar estas subas raquíticas, responde seguramente a outro tipo de intereses que pouco teñen que ver coa defensa dos dereitos salariais dos e das empregadas públicas que levan anos padecendo as sucesivas crises económicas e mantendocon moita dignidade a calidade educativa dos seus servizos.