A CIG demanda que todos os servizos prestados por Suplusa sexan asumidos pola Deputación de Lugo
Ante o anuncio feito pola Deputación de Lugo de proceder á subrogación do persoal de Suplusa á empresa Tragsa, a CIG defende que a institución provincial asuma directamente as xestións das funcións que desenvolven estes traballadores e traballadoras e que sexan subrogados/as á propia Deputación.
A central sindical subliña que resulta incongruente e discriminatorio esta actuación da Deputación con respecto a outros organismos dependentes da institución, como foi o caso do INLUDES ou a Fundación TIC, ou a provincialización dos parques de bombeiros/as, feita a través dun consocio. "Resulta polo tanto unha práctica contraditoria no que respecta ao tratamento da Deputación ao persoal dos distintos entes provinciais", asevera o secretario de Organización da CIG de Lugo-A Mariña, Lois Neto, quen apunta que a subrogación deste persoal non significa que converta ao persoal en laboral fixo da Deputación.
Neto critica que o procedemento mediante o cal se levou adiante a toma desta decisión de subrogar o persoal a Tragsa "carece da mais mínima transparencia" e que se fixo de costas aos traballadores e traballadoras, "posto que en ningún momento foron informadas dun proceso que afecta directamente á súa situación laboral".
Sen información ao persoal afectado
A este respecto, cualifica de "inadmisíbel" que nunha xuntanza celebrada o pasado mes de setembro por parte da comisión de liquidación cos traballadores e traballadoras de Suplusa, non se informara en absoluto da posibilidade de medidas desta índole como consecuencia do proceso de liquidación, "e que tres meses despois sen ningunha información nova ao respecto se enteren pola prensa de que van a ser subrrogados a outra empresa".
Debido á opacidade do proceso, desde a CIG solicitarase á Deputación de Lugo información a respecto das razóns, criterios, e do persoal afectado por esta medida adoptada polo Goberno provincial a respecto do persoal de Suplusa.