A CIG demanda que se realicen nas instalacións do ISM de Corcubión os cursos de formación sanitaria para mariñeiros/as
A CIG denuncia unha vez máis o deterioro e o desmantelamento que se está a producir no Instituto Social da Mariña da Costa da Morte ao denegar a dirección do organismo a posibilidade de realización de cursos presenciais de formación sanitaria na oficina de Corcubión ou nas instalacións que ofrecen a Confraría de Pescadores e Concello de Corcubión.
Esta formación, lembra a FGAMT-CIG, é necesaria "por imperativo legal" para o desenvolvemento da súa actividade laboral no mar. Porén, a Xefatura da Sección de Formación da dirección provincial do ISM da Coruña contestou cunha negativa á solicitude presentada neste senso pola Confraría.
A dirección provincial do ISM ofrece como alternativa a realización do curso desprazando os traballadores e traballadoras á cidade da Coruña, á localidade de Noia e, preferentemente, á formación en liña. Para as mariñeiras e mariñeiros ter que desprazarse ás localidades citadas para facer o curso suporíalles a perda de xornadas de traballo de até cinco días. "A formación telemática, que é a que pretenden impor na dirección provincial e en xeral na Administración, deixaría a moitos mariñeiros sen acceso aos cursos ao non dispor de medios informáticos e de coñecementos necesarios para o acceso ao curso", advirten dende o sector de Mar da FGAMT-CIG.
Denuncian que a dirección provincial semella "seguir os pasos das entidades privadas como é o caso dos bancos, deixando deste xeito excluído a moitos mariñeiros e mariñeiras que non contan cos medios necesarios nin cos coñecementos oportunos".
Cumprir coa carta de servizos do ISM
A CIG esixe que, tal e como establece a carta de servizos do ISM, se imparta a formación necesaria para o desenvolvemento da actividade laboral no sector marítimo pesqueiro, nos centros que conforman a rede formativa do ISM. Seguindo o indicado, a formación debería ser realizada nas instalacións que o ISM dispón na localidade ou naquelas que poida dispor como é o caso da Confraría ou do Concello de Corcubión.