A CIG demanda que se negocie un convenio digno en axencias marítimas para a provincia da Coruña
Traballadores e traballadoras das axencias marítimas volverán concentrarse este mércores, 9 de xuño, diante da Autoridade Portuaria da Coruña (ás 20:15h)e da Autoridade Portuaria de Ferrol (ás 17:30h) para esixir que se negocie un convenio provincial que recolla melloras reais. A patronal do sector, constituída maioritariamente polas empresas TMGA, Pérez Torres, Berge e DSV, pretende deixar conxeladas as condicións laborais do persoal, que levan sen actualizar dende o ano 2009.
Todo isto, advirte a CIG, coa complicidade de CCOO e UGT "que a cambio dunha esmola deixan sen negociar a conciliación laboral, a xornada, o sistema retributivo, as licencias e permisos retribuídos, a prevención de riscos laborais etc." dun convenio que afecta a máis de 500 traballadores/as de axencias marítimas da Coruña.
Na última reunión celebrada o día 3 de xuño a patronal, CCOO e UGT ratificáronse na súa aposta por deixar conxeladas as condicións laborais dos traballadores/as e centrase na miserábel suba salarial que propoñen e na que discrepan en 0.5 décimas.
"A CIG esixe que se negocien as condicións do convenio na súa totalidade "e que se deixen de facer unha sorte de teatriño como o que levan feito nas últimas reunións que soamente duraron un minuto e o único que buscan a patronal, CCOO e UGT é facer que negocian e intentar alargar a situación".
Precarización das condicións laborais
O secretario confederal de Emprego da CIG, Francisco Cartelle, critica que esta negativa da patronal a abordar outros aspectos do convenio "non é novidosa, senón que se está a converter en recorrente, pois é a mesma posición que mantivo na negociación para o período anterior". Subliña que en marzo do ano 2018 se asinou o convenio 2013-2019 por parte da patronal, UGT e CCOO, "despachándose tamén só cun insuficiente incremento salarial".
Neste senso, o secretario da FGAMT-CIG da Coruña, Manuel Camiño, denuncia que este pacto social vergoñento deixa os traballadores nunha situación precaria e cunhas condicións laborais mínimas mentres o sector de axencias marítimas aumenta a súa marxe de beneficio. Así, lembra que o porto da Coruña logrou en marzo a segunda maior subida de tráficos de todo o sistema portuario español e o movemento de mercadorías alcanzou 1,22 millóns de toneladas, un 34% máis que en marzo de 2020.
Por iso, a CIG continuará coas mobilizacións para visibilizar a situación de precariedade laboral que atravesa o persoal deste sector e na demanda dun convenio provincial digno.