A CIG demanda que se investigue o papel do Banco de España, da CNMV e do Ministerio de Economía na crise do Popular
Ao longo dos últimos anos, a CIG vén denunciando que o rescate bancario español foi excesivamente caro e ineficiente. A caída do Banco Popular, a sexta entidade do Estado e a segunda en Galiza, demostra que os problemas persisten e non están resoltos na banca do Estado español, nomeadamente o impacto dos activos tóxicos, ao tempo que poñen en evidencia que a nova lexislación baseada no deixar facer dogmático neoliberal, non mudou os escenarios.
A CIG denuncia que unha vez máis, a parálise e o deixar facer dos organismos supervisores sitúa ao sector financeiro español no ollo do furacán. Na caída do Banco Popular, a crónica dunha morte anunciada, repetíronse os mesmos esquemas das crises de Bankia ou das Caixas Galegas.
Uns xestores, neste caso o equipo de Ángel Ron, que leva á ruína a entidade; que realiza emisións que son colocadas en tramo minorista (co visto bo dos supervisores e do Ministerio de Economía) para gañar tempo; e que, finalmente, marcha con indemnizacións millonarias deixando a entidade á valga.
Para a central sindical chama poderosamente a atención a falta de actuación do supervisor, fronte os ataques en bolsa que facilitaron a compra da entidade por 1 só euro. Á vista dos feitos, tería sido lóxica unha suspensión da cotización en bolsa que evitara o achatarramento e desvalorización da entidade, coas conseguintes perdas para as persoas con accións ou outro tipo de valores, entre as que se encontran os propios traballadores e traballadoras.
A CIG exixe a dimisión inmediata de Linde
A CIG entende que hai que investigar o que aconteceu no pasado no sector financeiro, pero a caída do Banco Popular pon en evidencia erros e carencias que deberían levar a unha investigación da actuación por parte dos organismos supervisores. Especialmente grave semella a actuación do Banco de España que, como no pasado, semella máis preocupado por impulsar recortes sociais e laborais que por vixiar a boa marcha do sistema financeiro. Por iso a central sindical reclama a dimisión inmediata do actual Gobernador Luis María Linde.
Subliña ademais que a tardanza na toma de medidas acrecentará o custe para o erario público. O Banco Santander recibirá axudas públicas encubertas a través da futura exención de impostos a través dos cretos fiscais.
Esta falta de intervención por parte dos organismos reguladores, que levou ao Banco Popular a prezo de derribo, pode agravar o custe da caída da entidade tamén en materia de emprego. Malia que a priori, a fortaleza do Banco Pastor en Galiza debería minimizar o impacto. Parece lóxico que a Dirección do Banco Santander actúe dun xeito racional mantendo unha rede saneada, cun gran equipo de traballadores e traballadoras, e que achegará ao banco un volume de negocio que dificilmente tería podido acadar o Santander por si só.
En todo caso, a CIG xa estuda o posible impacto sobre o emprego desta operación, que non é unha suma automática xa que inciden moitos factores. E fai un chamamento á Dirección do Santander para abrir un proceso de negociación que permita o mantemento do emprego a nivel galego.