A CIG demanda que se cubra o posto de dirección da Residencia de Sarria
A Residencia Nosa señora do Carme de Sarria está sen dirección desde que o 2 de decembro dimitira a anterior directora. Dada a conflitividade existente neste centro, a CIG non entende que o concelleiro responsábel, Benjamín Escontrela, siga, despois de dous meses, sen cubrir esta praza, cando existe unha lista de contratación para este posto elaborada no ano 2018 e con vixencia de catro anos.
Pola contra, denuncia a CIG de Lugo-A Mariña, o concelleiro aproveita este baleiro na dirección "para manexar ao seu antollo a residencia, sen ningún criterio técnico, senón a través de criterios absolutamente caprichosos, obviando a obriga e responsabilidade de mellorar o funcionamento do centro".
Lois Neto, secretario comarcal de Organización, advirte que esta situación tamén é aproveitada por Escontrela "para pagar favores políticos con decisións a respecto do persoal a aquelas persoas que durante a anterior lexislatura lle foron fieis", ignorando así por completo os principios de igualdade, mérito e capacidade que deben de rexer a contratación pública.
Creación dunha bolsa de emprego
Por iso, a CIG entende que é necesario e urxente que se ocupe a praza de dirección e que a xestión da residencia atenda única e exclusivamente a intereses técnicos. Neste senso, Neto subliña que resulta paradoxal que Escontrela, "quen na anterior lexislatura defendía a capa e espada que se precisaba unha persoa na dirección da residencia, non cubra dita praza agora que ten a responsabilidade sobre o centro".
Igualmente, a CIG demanda unha convocatoria para crear unha bolsa de emprego para cubrir as baixas e vacantes que existan na residencia, para garantir a igualdade de acceso ao traballo na mesma.