A CIG demanda que se condicionen os pagos a Servizos de Seguridade Integral e de Mantementos A1 (Grupo EME) ao abono dos salarios do persoal
A representación da CIG na empresa de Servizos de Seguridade Integral e de Mantementos A1, do Grupo EME, reuniuse esta semana con representantes de varios clientes de Vigo para informarlles da situación de impago de salarios e solicitar que tomen as medidas oportunas para evitar que as débedas co persoal se sigan acumulando. Nestes momentos, explica Benito López, delegado da central sindical, a empresa de seguridade privada ten pendente de abonar a todos os seus traballadores e traballadoras media nómina do mes de xullo.
A empresa ingresou unha parte dos salarios de xullo tras a denuncia pública feita pola CIG e tras iniciarse os contactos cos clientes públicos e privados. De feito, López reuniuse no día de onte con representantes do centro comercial A Laxe e co responsábel da rede de museos municipais de Vigo para informar do impago dos salarios ao persoal e solicitarlle que rescindan o antes posíbel os contratos con esta empresa se persisten os problemas no abono das nóminas.
Pola súa banda, os representantes do centro comercial e do Concello de Vigo trasladaron a súa preocupación polos incumprimentos da empresa, asegurando que farán todo o posíbel para corrixir esta situación. Neste senso, López matiza que "son os clientes quen teñen as ferramentas para adxudicar o servizo de seguridade a outra compañía que cumpra cos pregos, polo que lles demandamos que non agarden a que se acumulen grandes débedas salariais cos traballadores e as traballadoras, antes de retirarlle os contratos a A1, especialmente no caso dos contratos das Administracións Públicas".
A este respecto, o representante do persoal lembrou que o Grupo EME ten importantes débedas coa Seguridade Social e está na lista de grandes morosos de Facenda ao acumular impagos por valor de 1.730.000 euros. "Non temos información clara sobre a situación económica da empresa e descoñecemos a que se debe a actual falta de liquidez", engade López, quen lembra que a compañía xa ten un requirimento da Inspección de Traballo polo atraso no pago dos salarios.
Total incerteza sobre o futuro da empresa
Dende a dirección de Servizos de Seguridade Integral e de Mantementos A1 aseguran que van ingresar o resto da nómina de xullo ao longo desta semana, "pero non nos fiamos, porque xa nos dixeran que ían pagar a finais da pasada semana. Seguimos sen solución e a incerteza é total, sobre todo porque dentro de pouco terán que afrontar o pago dos salarios de agosto".
Para xerar maior inseguridade, a empresa remitiu un correo ao seu persoal comunicándolle que está en proceso de expansión e que por este motivo atravesa problemas de liquidez para pagar os salarios. O representante sindical critica a ousadía da empresa con esta comunicación que cualifica de burla, "pois parece que se están expandindo a conta dos cartos dos traballadores".
Así as cousas, a representación da CIG reitera o chamamento aos clientes privados e públicos desta empresa para que condicionen o abono das facturas pola prestación de servizos ao pago das nóminas do cadro de persoal. Ao tempo, piden que se reverta a práctica xa habitual neste sector de adxudicar concursos cada vez máis precarios e baratos que só favorecen a entrada deste tipo de empresas piratas que logo teñen que padecen os traballadores/as.