A CIG demanda que o SMI se incremente até os 1.150 € e a supresión do IPREM
Diante do anuncio do inicio das negociacións do goberno español con patronal e sindicatos para decidir se soben o Salario Mínimo Interprofesional, a CIG demanda, máis unha vez, que este se incremente até os 1.150 € e a supresión do IPREM como índice de referencia para calcular as contías das prestacións sociais públicas.
Así o afirma o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen explica que a Carta Social Europea establece que, cando menos, o SMI ten que situarse no 60% do salario medio que, segundo o INE sitúase no 1.917 €/mes. “Isto suporía, que, de forma automática, o salario mínimo interprofesional pasara a ser de 1.150€”.
Carril exixe ademais a supresión do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) e que se utilice, na súa vez, o SMI como única referencia de indicador público para os efectos de fixar a contía de calquera tipo de prestación social pública. "O IPREM foi creado no seu momento coa única finalidade de mermar as prestacións públicas e polo tanto dentro da lóxica de avanzar nos baixos salarios e prestacións. Por iso, de se manter como índice de referencia, provocaríase unha situación tremendamente inxusta ".
Que se aplique a Lei!!
Para o secretario xeral da CIG tamén é “lamentable” que volva situarse este debate no diálogo social, que tantas veces ten acordado medidas que impiden a dignificación das condicións salariais da clase traballadora (pactos con Rajoy, coa patronal…).
Carril entende que “non ten sentido ningún que se anuncie a negociación do que é simplemente a aplicación dun dereito, a non ser que se queira limitar” e considera “impresentable” que o goberno español, nos orzamentos que vén de aprobar decretara a conxelación do SMI.