A CIG demanda que Galiza poida decidir sobre os seus recursos e unha enerxía ao servizo do pobo
A CIG presentou esta mañá, en rolda de prensa, a súa posición respecto do Proxecto de Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética e as propostas que trasladou ao Congreso a través do grupo parlamentario do BNG, que se comprometeu a presentalas como alegacións. Un proxecto de Lei máis declarativo que de cambios reais; centralista e que mesmo invade competencias, ateigado de consignas e que deixa todo en mans privadas, sen deixar espazo para o público.
Para a CIG, “as verdadeiras liñas de actuación para afrontar o cambio climático e camiñar cara unha auténtica transición enerxética en Galiza, xusta e democrática, no social e no territorial”, deben implicar avanzar de forma parella en “poder decidir sobre os nosos recursos” e recoñecer a enerxía como un ben básico que ten que estar “ao servizo do pobo”.
Así o considerou o secretario xeral, Paulo Carril, quen explicou que Galiza ten que poder decidir sobre o seu modelo económico e social para poder articular unha alternativa viable e de futuro “que nos permita vivir e traballar dignamente na nosa terra”.
Lonxe disto, denunciou que até o de agora o modelo deseñado para o noso país polo gran capital español e internacional é unha industria de enclave, altamente contaminante, e que se basea no espolio das nosas materias primas, recursos enerxéticos e man de obra barata e precarizada.
Papel dependente e colonial
Por iso cuestionou o futuro de sustentabilidade que se nos presenta. “Non é certo, as mudanzas das que se fala non existen, porque deste proceso que se abre, para Galiza mantense un papel dependente e colonial, no que pretenden seguir espoliando as nosas materias primas, os nosos recursos naturais e reimplantar un modelo que segue sendo imposto e ao servizo dos intereses das empresas eléctricas, que substitúen unha fonte de produción de enerxía, as centrais térmicas, por outras, os eólicos, pero sen asumir ningún tipo de responsabilidade social do dano causado, nin Naturgy, nin Endesa”.
Denunciou ademais que estas empresas non están dispostas a ceder na súa posición de oligopolio e que acumulan cada día máis ganancias, polos altos prezos da electricidade, “en prexuízo da nosa industria e causando máis pobreza enerxética”. Por iso rexeitou volver ser “os únicos en asumir os custos desta reconversión, mentres a nosa capacidade de produción de enerxía segue posta ao servizo das grandes eléctricas e do desenvolvemento industrial e da xeración de emprego fóra de Galiza”.
Desleixo do goberno galego
O secretario xeral da CIG rexeitou a “manifesta inacción” do goberno galego que contribuíu na destrución dos sectores produtivos estratéxicos, cunha política “suicida para a sociedade galega” consistente no macro-turismo –o Camiño de Santiago a gran escala-, na eucaliptización do país a favor da industria pasteira e afondando na histórica xeración de graves desequilibrios territoriais.
Fronte a isto defendeu a necesidade de completar os ciclos produtivos en Galiza; aumentar o valor engadido en sectores básicos da economía; diversificar as nosas capacidades produtivas e industriais, procurar un mellor equilibrio territorial e ambiental e favorecer así a creación de emprego digno.
Descarbonización=desmantelamento industrial
O secretario xeral da CIG alertou ademais da “hipocrisía” do propio debate xerado arredor desta Lei, porque non se pretenden acometer cambios profundos. Asegurou que a chamada descarbonización da economía no noso país está sendo “un proceso de desmantelamento total, para nada un proceso de transición” e denunciou que “en realidade, estamos asistindo a unha nova versión, actualizada, das reconversións brutais que xa vivimos”.
Propostas ao proxecto de lei
Nesa liña van, segundo explicou Paulo Carril, as propostas da central sindical ao Proxecto de Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética, para que o texto inclúa, como obxectivo -que non está recollido- o recoñecemento da enerxía como un dereito fundamental para ter unha vida digna, que obrigue as administracións a fomentar políticas de intervención no sector eléctrico, para garantir o acceso de todas as persoas á mesma.
A isto engadiu que, para a CIG, “o de que quen contamina paga debe de se converter en que non se pode contaminar nin pagando”. Xunto a isto apuntou que, fronte á invasión de competencias, moitas das emendas van no sentido de que se respecte o marco das competencias que existen e “que se avance no camiño da transferencia para Galiza de moitas das competencias que hoxe son do Estado, porque sen elas non podemos desenvolver unha política eficaz contra os efectos do cambio climático e para ir cara unha transición xusta”.
Garantir a industria alimentaria ligada ao mar
Pola súa banda, a secretaria nacional da FGAMT-CIG, Dores Martínez Castelo, demandou a supresión íntegra do artigo 18, que inclúe unha modificación que cualificou como “brutal”, no réxime de duración das concesións de ocupación do dominio público marítimo e terrestre e que, de aprobarse, afectaría “dun xeito tremendamente negativo as actividades vinculadas ao sector do mar e de industria alimentaria: acuicultura, marisqueo, depuradoras de moluscos, cocedeiros de mariscos, sector conserveiro… Toda aquela industria vinculada ao sector do mar e que ademais é clave para a economía do país”.
Martínez Castelo advertiu de que a aplicación deste artigo suporía, en moitos casos, a perda inmediata desa concesión por parte das empresas afectadas e doutras concesións a curto ou medio prazo, co cal “estariamos falando de que boa parte dese tecido industrial veríase abocado ao cese da actividade, co conseguinte impacto socioeconómico e a perda de postos de traballo.
A secretaria nacional da FGAMT subliñou que “a protección do litoral pasa necesariamente por facela compatible con actividades respectuosas co medio ambiente que, polas súas características, e pola actividade que desenvolven é absolutamente necesario que estean ubicadas no propio litoral, tanto no que ten que ver coa necesaria extracción de materia prima como na utilización da auga do mar para o tratamento da propia materia prima”.
Xunto a isto apuntou que calquera modificación das actuais condicións debe pasar por un diálogo cos axentes sociais galegos para protexer e pór en valor a industria alimentaria vinculada ao sector do mar.
Enerxía hidráulica
No que ten que ver co sector eléctrico, o responsábel de Enexía da CIG-Industria, Fernando Branco, advertiu de que “todo se deixa en mans privadas”. De feito, no relativo ás centrais hidráulicas, con gran presenza en Galiza, asegurou que “se esquece a posibilidade do seu rescate a mans públicas, malia algunhas levar xa máis dun século en mans privadas cando a lei non debera permitir isto”.
Branco asegurou que na Lei desaprovéitase para dar unha solución ás industrias electrointensivas. Neste sentido considerou que “a omisión clara destas industrias -e temos agora mesmo o caso de Alcoa- é unha demostración de que non se lle quere dar saída”. E denunciou que “segue sen aprobarse o Estatuto para as electrointensivas cando nesta propia lei podía darse un espazo para elas”.
Ademais considerou que “Galiza ten unha oportunidade cunha maior implantación de renovábeis e eliminación das enerxías como a térmica de carbón , de Meirama e das Pontes. O futuro pasa polo almacenamento enerxético e aquí tamén falta ver unha aposta clara e definida, que non só tiña que vir na Lei senón que tiña que tela tamén a Xunta de Galiza”.
Transición ‘xusta’
O responsábel do sector de Enerxía denunciou, en todo caso, que en Galiza non se está a dar unha transición xusta porque “o que está a pasar nas térmicas de Meirama e As Pontes non ten nada que ver con iso, nin para as traballadoras e traballadores, nin para o territorio” e avanzou que entre as propostas da CIG van varias nesa liña. “A transición ten que ser para todo o mundo, non só para as grandes empresas, que está claro que teñen o negocio. Agora os máis ecoloxistas son os donos de Iberdrola, de Endesa… porque esa ecoloxía ímoslla pagar todos a base de subvencións públicas”.
Futuro da automoción
Outro dos sectores afectado por esta Lei é o da automoción, estratéxico para o país. No texto avánzase que non se poderán vender turismos nin vehículos con emisións de CO2 o que obriga a pensar na afectación que pode ter para Citröen e as empresas auxiliares de automoción.
Sobre esa cuestión o secretario nacional de CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, advertiu que “de aquí ao 2040, a planta non vai estar preparada para asumir un reto destas características a tan curto prazo”. Lembrou que a empresa segue apostando, con subvencións públicas, polos vehículos de baixo custo, furgonetas, o que o fixo presaxiar que “o mesmo deserto industrial que se está creando polo desmantelamento das térmicas ou das electrointensivas, se produza co desmantelamento da automoción ao Sur do país”.
Mobilidade sen emisións
Respecto da cuestión da mobilidade sen emisións que prevé a lei para que haxa emisións cero en todas as cidades de máis de 50.000 habitantes en 2023, Bouzas denunciou que aquí “tampouco se está facendo nada”. Advertiu de que moitas persoas que agora van traballar co seu coche, daquela non poderán ter acceso a vehículos eléctricos polo seu alto custo “pero tampouco van ter transporte público”. Por iso nas alegacións a CIG recolle unha batería de propostas neste sentido.
Augurou que isto tamén afectará ao consumo de combustible e terá un impacto na propia refinería da Coruña. Por iso demandou a transformación das refinerías en biorefinería, a transición cara os biocombustibles de segunda xeración e a aposta polo biocombustible como combustible de transición na mobilidade até que se alcancen os obxectivos marcados para a mobilidade eléctrica.