A CIG demanda que a obra de transformación do buque 'Galiza' se faga nos estaleiros da ría de Ferrol
A sección sindical da CIG en Navantia Ferrol pide facer fronte común para demandar que a obra de transformación do buque 'Galiza' se adxudique aos estaleiros da ría de Ferrol xa que permitiría paliar en parte a falta de carga de traballo das instalacións até o inicio da construción das F-110.
A finais do pasado ano, o Ministerio de Defensa adquiría o buque civil 'Galiza', pertencente á navieira Suardíaz, coa finalidade de transformalo nun buque de transporte loxístico para o exército de terra e destinalo a transporte de medios rodados, ao dar de baixa os dous buques que prestaban este servizo.
A sección sindical da CIG subliña que esta obra suporía un considerábel volume de traballo dentro do departamento de reparacións da factoría, enxeñaría, aceiros, habilitación e sistemas para adaptar o buque ás necesidades do exército de terra, e suporía, en conxunto, máis de 8 meses nas instalacións "que poden significar unha importante obra para paliar a falta de carga de traballo que estamos a padecer até o inicio da obra das F-110".
Por iso, afirman, "necesitamos e esiximos que esta obra se realice definitivamente en Ferrol e que se consolide a oferta orzamentaria realizada por esta factoría, xa que suporía ocupación durante este período para un importante número de traballadores e traballadoras, fundamentalmente da industria auxiliar, para a que, a día de hoxe, segue sen haber ningún proxecto inmediato posto enriba da mesa".
Unha decisión de carácter político
A CIG-Navantia destaca que non existe ningunha razón técnica nin económica para que este proxecto non se realice en Ferrol, sendo ademais este centro, a través do departamento de reparacións, o que presentou unha oferta para a súa realización "polo que sería unha decisión puramente política e arbitraria que a obra se executara noutro centro do grupo".
Para a Ría de Ferrol, ademais, é a posibilidade máis inmediata e factíbel de consolidar unha obra dunha certa envergadura, que podería iniciarse a finais do próximo verán e cubriría en parte a subocupación até o arranque da obra das fragatas. "Con obra en aceiros, habilitación, pintura, sistemas e unha parte de traballos mecánicos tamén suporía un alivio na difícil situación pola falta de carga de traballo que estamos a atravesar", engaden.
Por estas razóns, dende a sección sindical da CIG de Navantia Ferrol fan un chamamento "ás forzas políticas, sindicais e demais entidades con responsabilidades, a emprender as actuacións necesarias e de presión para non perder a posibilidade de realización desta importante obra, sabedores de que a decisión para a súa execución vai a ser política e non económica, técnica ou de capacidade".