A CIG demanda no parlamento de Galiza emprego digno no sector das telecomunicacións
Delegados/as do sector de telecomunicacións da CIG concentrábanse a primeira hora da mañá diante das oficinas técnicas de R no polígono de Agrela, na Coruña, e posteriormente diante do Parlamento de Galiza -onde celebraron xuntanzas cos grupos da oposición- para demandar emprego digno no sector. As mobilizacións insírense nunha campaña que vén de pór en marcha a central sindical para reclamar, entre outras cuestións, a integración dos postos de traballo nas empresas matrices e que haxa direccións territoriais de todas as compañías do sector no noso país.
Na xuntanza no Parlamento de Galiza cos grupos do BNG, En Marea e PSOE, onde atoparon “receptividade”, as/os representantes da CIG deron conta da precariedade laboral que se vive neste sector. Segundo explica Antonio Lima, salientaron fundamentalmente o empeoramento dos salarios, das bases de cotización e das condicións laborais nas contratas, tendas de atención persoal en franquía e telecontratación, a onde pasou maioritariamente o persoal que se foi eliminando nas grandes operadoras, que pasaron de 94.000 traballadores/as en 2002, a 55.000 na actualidade, precisamente con ese obxectivo.
Xunto a isto denunciaron o fraccionamento que se deu neste período dun único proceso de produción en varias empresas que, á súa vez, contratan os servizos, acudindo de forma sistemática mesmo ás ETTs e a falsos autónomos, provocando que haxa traballadores/as facendo o mesmo traballo con condicións laborais distintas.
Falsos autónomos
Respecto dos falsos autónomos, o secretario nacional de CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, denunciou que as grandes compañías están concentrando a concesión dos traballos en moi poucas empresas e o que antes levaban diversas compañías galegas que tiñan persoal agora pasa a esas outras que o que fan é subcontratar en cadea para abaixo chegando até a dúas ou tres subcontratas. “Levan así os centros de poder e de decisión a outras partes do Estado, descapitalizan todas as empresas galegas que estaban nese servizo dexenerándose deste xeito toda a cadea produtiva e deteriorando tanto os propios traballos como as condicións nas que se desenvolve o mesmo”.
Bouzas asegura que isto está provocando a desaparición desas pequenas empresas galegas. A modo de exemplo explica que Telefónica ou R contratarían a unha empresa como Liteyca, que é a que opera a nivel de estado, e esa empresa cando chega a Galiza o que fai é, na Coruña subcontratar a unha, en Pontevedra a outra.. e esa mesma empresa de Pontevedra subcontrata a unha terceira empresa.
Fronte a isto o que defende é que ou ben na primeira ou na segunda subcontratación se pare a cadea de contratación. “Iso tiña que estar regulado polas propias empresas de telefonía que tiñan que se asegurar ese funcionamento”, afirma.
Denuncia ademais que cada unha das empresas da cadea quere obter os seus beneficios e que, polo tanto, o que vai é precarizando máis as condicións laborais. “Eles podían cortar a subcontratación en calquera momento, pero iso non o fan”.
Isto está a provocar que medre a figura de falsos autónomos, que se ven obrigados a traballar máis horas das debidas para poder manter o servizo. “Son aos que lles poñen un sistema de remuneración, non por realizar o servizo, senón por puntos e dependendo de cada tarefa que fagan teñen un número de puntos. Un baremo que as propias empresas principais están subindo para poder pagarlles menos. Un traballador/a para poder sacar un salario normal ten que estar pendente do teléfono as 24 horas os sete días da semana”.
Demandas aos grupos parlamentares
Unha das cuestións que se puxo enriba da mesa, nas diversas xuntanzas cos grupos parlamentares, foi a da necesidade dun control, seguimento e avaliación das subvencións que se están destinando para a implantación da fibra óptica e banda ancha. Nese sentido Lima advertiu que “o goberno galego está concedendo estas subvencións sen ningún control respecto dos obxectivos acadados nin sobre a dedicación efectiva a esa finalidade”.
Xunto a isto demandaron tamén cuestións lexislativas de política xeral, como a reivindicación dun Marco Galego de Relacións Laborais porque, segundo matizou o representante da CIG, “é factíbel hoxe co Estatuto que temos o traspaso de competencias en materia de Traballo e máis na actual situación de recomposición territorial e político-administrativa do Estado”.
Tamén pediron avances na iniciativa presentada no Congreso para que se paguen os salarios das empresas matrices nas empresas contratadas por estas.
En todo caso Lima asegurou que “a proba do nove do novo goberno respecto da súa disposición cara o movemento sindical galego pasa pola concesión inmediata do indulto a Carlos e Serafín, traballadores do transporte de Vigo pendentes de entrar en cadea por unha condena de tres anos”.
Advertencia dun incremento da precariedade aínda maior
Desde a CIG non se presentou ningunha medida concreta. Tal e como explica Lima “o que tratamos foi de sensibilizar e informar da situación”. Máis cando se prevé que continúe o deterioro das condicións laborais. “Fomos expresar a nosa preocupación por un proceso de empeoramento que prevemos que de cara ao vindeiro ano se vai agudizar porque observamos movementos de externalización cara Sudamérica e outros países de fóra da UE da actividade dos centros de chamadas”.
Unha situación que segundo Lima viría facilitada pola Lei de protección de datos porque “tanto a lexislación española como a europea permite a exportación masiva de datos de clientes” o que provocaría a redución dos cadros de persoal nas empresas matrices. Isto xunto coa reconversión da estrutura empresarial das contratas e as súas subcontratas o que xa avanzou que podería provocar un conflito de cara ao outono.