A CIG demanda máis persoal e mellores medios materiais no Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA)
A CIG reitera a necesidade de contar con máis persoal e mellores medios materiais no Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA) en Galiza para poder facerlle fronte con garantías ao incremento da actividade delitiva relacionada co narcotráfico “que dende hai tempo se vén observando no noso país”.
Dende a central sindical inciden en que os sucesos que se rexistran periodicamente, como a aparición de embarcacións dedicadas ao tráfico de drogas ou a aprehensión en alta mar de buques que transportan estupefacientes con destino a Galiza “fannos deducir que o noso país segue a ser a porta de entrada de droga cara a Europa”.
Mais “no canto de reforzar organismos especializados na loita contra o narcotráfico, como o SVA, vemos como se está a facer xusto o contrario”. Neste senso, denuncian que nos últimos anos este organismo foise desmantelando “coa escusa de que en Galiza o tráfico de drogas xa no era un problema”, mentres se potenciaban os servizos da zona sur ou do Levante “en detrimento do noroeste”.
Como exemplo deste proceso citan o acontecido na base de Vigo, que nos anos 90 contaba con dúas embarcacións, mentres que na actualidade ten unha soa. O mesmo sucedeu en Vilagarcía, onde se pasou de tres a unha embarcación nos últimos tempos. Ou o feito de que a embarcación de Muros “estea obsoleta e inoperativa a maior parte do tempo”. Ao que hai que engadir a retirada do avión co que contaba o SVA en Santiago e a ausencia do helicóptero de Vigo “durante tempadas máis ou menos longas”.