A CIG demanda do Goberno español que poña fin á ofensiva xudicial para permitir a recuperación da actividade en Vulcano
Á espera de coñecer en detalle o contido do ditame do Consello do Estado, a CIG-Industria segue a reclamar do Goberno español que poña fin a súa ofensiva xudicial para extinguir a concesión de Vulcano, porque suporía inviabilizar a posta en marcha de calquera novo proxecto industrial para retomar a actividade no estaleiro.
A CIG entende que o documento do Consello do Estado é un ditame consultivo sen ningún tipo de efecto vinculante que, polo datos recollidos nos medios de comunicación, basicamente insiste na mesma interpretación da avogacía do Estado.
Neste senso, o secretario da CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández, pon a atención no feito de que un ditame consultivo non limita en absoluto a capacidade de decisión do Goberno, senón que se trata dunha cuestión de vontade política. "O que demandamos tanto de Madrid como da Xunta de Galiza é que deixen de pór atrancos e cooperen para crear as condicións que permitan retomar a actividade produtiva e recuperar os postos de traballo en Vulcano", asevera.
Fernández subliña que o sector naval é unha actividade estratéxica para Vigo, para a súa comarca e para o conxunto de Galiza, polo que rexeita que se recorra artimañas burocráticas "que condenen definitivamente á morte a un estaleiro centenario como Vulcano".
Fronte a isto, a CIG seguirá reclamando do Executivo español que remate con esta ofensiva xudicial para extinguir a concesión de Vulcano, "xa que suporía facer inviábel a posta en marcha dun novo proxecto empresarial que garanta que no estaleiro se reanude a construción e/ou reparación naval".