A CIG demanda, camiño do Primeiro de Maio, políticas públicas e salarios dignos para combater a pobreza
Delegados e delegadas da CIG concentráronse esta mañá en cidades e vilas galegas para demandar políticas públicas e salarios dignos para poder facer fronte á grave situación que soporta a clase traballadora, cada vez máis empobrecida tras anos de crise económica e de políticas neoliberais aplicadas desde os gobernos español e da Xunta de Galiza. Mobilizacións que son a antesala dun Primeiro de Maio no que a central sindical centrará nesta cuestión a conmemoración do Día Internacional da Clase Obreira.
Nas distintas asembleas abordouse a crítica situación económica e social que xa viña padecendo a clase traballadora por mor dos incrementos dos prezos dos produtos de primeira necesidade, agravada agora pola guerra de Ucraína, e o fracaso das políticas neoliberais que, lonxe de atallar o problema, veñen provocando que sexan as e os traballadores quen paguen a crise.
Unha situación diante da que o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, anunciou que a central sindical defenderá incrementos salariais situados nos 1.226 euros ao ano lineais, ou o que é o mesmo, de 87 euros ao mes en 14 pagas. O que vén sendo, segundo explicou, un incremento do 4,5% no salario medio galego, “para evitar que se siga agrandando en Galiza a fenda salarial entre os salarios máis altos e os máis baixos”.
Isto xunto a inclusión, en todos os convenios, da cláusula de revisión salarial con carácter retroactivo, conforme ao IPC interanual acumulado e a exixencia de que se fixe o salario mínimo interprofesional en 1.167 euros ao mes, que é o 60% do salario medio do Estado, atendendo á recomendación da Carta Social Europea.
O secretario xeral da CIG reclamou ademais que se aproben as medidas necesarias para que as auditorías retributivas e os plans de igualdade conteñan medidas reais e eficaces para rematar coa fenda salarial e outras desigualdades.
Contra as políticas de moderación salarial
Carril denunciou que, no canto de avanzar en medidas como as propostas polo sindicato para facer fronte á carestía da vida e ás necesidades sociais, a reforzar os servizos públicos ou garantir emprego digno, o Goberno español preferiu incrementar nun 2% do PIB os orzamentos en materia Defensa e avanzar nas políticas neoliberais “castigando dobremente á clase traballadora con máis moderación salarial”, que é, advertiu, “o obxectivo que se agocha tras do chamado Plan de Resposta Económica á Guerra e do Pacto de Rendas”.
Por iso rexeitou tanto isto como as negociacións do acordo estatal de negociación colectiva que, baixo o soporte do diálogo social, e coa conivencia de CCOO e UGT, “volve estar ao servizo do capital”. Un papel que estes sindicatos asumen “sen complexos” para neutralizar “calquera recuperación do poder adquisitivo dos salarios”, concluíu.
Alternativas viables
Por iso o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, fixo -na concentración da Coruña- un chamado a participar nas mobilizacións do Primeiro de Maio, para exixir medidas como as propostas pola CIG “para frear os efectos devastadores dos altos prezos e poder ter unha vida digna”.
Medidas entre as que salientou a necesidade de intervir o sector eléctrico cambiando a base de fixación dos prezos e controlando e establecendo límites aos beneficios das empresas eléctricas.
Isto xunto coa creación dunha tarifa eléctrica galega porque, afirmou, “é inxusto” para Galiza -que ten a indiscutíbel condición de produtora e soporta desde hai décadas “o forte, agresivo e duro impacto” derivado das instalacións de xeración de electricidade, agravado agora coa auténtica invasión eólica prevista-, que “as familias galegas non teñan unha redución do recibo”.
Canda estas, Carril debullou tamén diferentes propostas relativas a emprego, como a de prohibir simultanear ERTE con outras medidas de recorte, como descolgues, modificación das condicións de traballo, mobilidade xeográfica ou desregulación de xornada, entre outras. Ou que as empresas, para poder acollerse ao ERTE teñan que estar ao día na actualización das revisións salariais, completar até o 100% os salarios e manter a todo o persoal temporal da empresa principal ou externas.
Medidas para abaratar os prezos dos combustibles, fixando o goberno un prezo máximo de gasolina ou diésel mentres non se estabilicen os prezos e non se avance nunha solución fiscal xusta; para facilitar a mobilidade, reforzando os servizos públicos, aumentando frecuencias, ampliando horarios para facilitar os desprazamentos e reducindo as exixencias para o acceso a maiores descontos e medidas como a conxelación das cláusulas de actualización das rendas de alugueiro en todos os conceptos durante o ano 2022.
O secretario xeral da CIG concluíu chamando á mobilización como único xeito que ten a clase traballadora para avanzar na conquista dos seus dereitos, mais tamén para frear as políticas neoliberais que desde o goberno se pretende impor.