A CIG reclama ao ISM que cubra xa a baixa do médico do centro de sanidade marítima de Corcubión
A CIG dirixiuse a finais de agosto ao Instituto Social da Mariña para demandarlle que, de inmediato, proceda a cubrir a baixa do médico de sanidade marítima de Corcubión e poder garantir así a asistencia sanitaria aos mariñeiros e mariñeiras deste zona. A central sindical denuncia que o centro local non dispón de persoal médico dende hai case dous meses, xa que o facultativo titular se encontra de baixa por enfermidade, sen que neste tempo o ISM procedera a substituílo.
Hai que ter en conta que neste centro local se realizan os recoñecementos médicos e outro tipo de actuacións sanitarias aos/ás traballadores/as do mar dos concellos de Cee, Corcubión, Fisterra, Muxía, Camariñas, Laxe, Ponteceso e Malpica, "que agora teñen que desprazarse até a Coruña co conseguinte gasto económico e a perda de tempo que lles impide saír ao mar a traballar", advirte Manuel Camiño, secretario da FGAMT (Federación Galega de Alimentación, Mar, Téxtil e Telecomunicacións) da CIG da Coruña.
Os centros provinciais e locais de sanidade marítima do ISM levan a cabo funcións preventivas e neles realízanse de maneira periódica os recoñecementos previos ao embarque dos traballadores/as do mar "co fin primordial de garantir que as condicións psicofísicas do mariñeiro sexan compatíbeis coas características do posto de traballo e non supoñan un perigo para a saúde, seguridade e equilibrio do resto da tripulación". Ademais, nestas instalacións ofrécese formación sanitaria específica, fanse vacinacións e revisión das caixas de urxencias, estudos epidemiolóxicos e o seguimento dos procesos patolóxicos dos traballadores e traballadoras do mar.
Por iso, Camiño subliña que a non cobertura desta praza "pon en grave risco os mariñeiros da zona, ao non realizarse as funcións eminentemente preventivas". Unha situación agravada nestes momentos pola pandemia da covid-19, polo que a CIG reivindica a cobertura urxente da baixa médica para garantir unha adecuada asistencia sanitaria a este colectivo.